A Comisión 5ª, Sanidade, Política Social e Emprego, na súa sesión do 19 de decembro de 2024, adoptou os seguintes acordos:
Procedementos de control e impulso
Proposicións non de lei en Comisión
Aprobación sen modificacións
- 14067 (12/PNC-001373)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Pérez López, Noelia e 8 máis
Sobre a demanda que a Xunta de Galicia debe trasladar ao Goberno central co obxecto de lle reclamar a transferencia da recadación no IRPF das cotizacións dos traballadores/as autónomos en concepto de formación profesional
BOPG n.º 115f2, do 13.11.2024
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións por 9 votos a favor, 2 votos en contra e 5 abstencións.
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno de España para reclamarlle a transferencia da recaudación de formación en IRPF que levan a cabo os autónomos."
Aprobación por unanimidade sen modificacións
- 7976 (12/PNC-000852)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Espinosa Mangana, María Elena e Longueira Castro, Silvia
Sobre a demanda dirixida ao Goberno galego co obxecto das remisións, antes do 31 de marzo de 2025 e antes do 31 de marzo de 2026, das avaliacións respecto do cumprimento das accións marcadas a curto prazo do plan Obesidade Zero en Galicia e que fosen desenvoltas antes do remate dos anos 2023 e 2025, respectivamente
BOPG n.º 68, do 21.08.2024
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións pola unanimidade dos 16 deputados e deputadas presentes.
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a:
1. Presentar antes do 31 de marzo de 2025, a avaliación en canto a cumprimento das accións marcadas a curto prazo que tiveron que ser desenvoltas antes do finais do pasado ano (2023) do Plan Obesidade Zero en Galicia.
2. Presentar antes do 31 de marzo de 2026, a avaliación en canto a cumprimento das accións do Plan de Obesidade Zero en Galicia, marcadas a medio prazo que deberán ser desenvoltas antes do finais do ano 2025."