saltar ao contido

Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 4 de decembro de 2024

​​

 

Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 4 de decembro de 2024

 

​3.3 13871(12/PNP-001159) Grupo Parlamentario Popular de Galicia

Candia López, María Elena e 9 máis

Sobre as demandas que a Xunta de Galicia debe trasladar ao Goberno central, así como a proposta de resolución que se presenta ante o Pleno do Parlamento, respecto da situación da factoría de alumina e aluminio da Mariña e do seu persoal Publicación da iniciativa, 112f1, 05.11.2024

 

 

O texto aprobado é o seguinte:

 

O Parlamento de Galicia acorda, como Resolución, trasladar o seu apoio aos traballadores e traballadoras que, directa ou indirectamente, vénse afectados pola situación de incerteza da fábrica de alúmina e aluminio da Mariña lucense e amosa a súa solidariedade polas familias afectadas.

 

Asemade insta á Xunta de Galicia a trasladar ao Goberno de España as seguintes demandas:

 

1º- Unha vez convocada a mesa de seguimento do pacto de viabilidade para o día 9 de decembro, pedir a participación na mesma dos titulares dos Ministerios de Industria e Turismo e para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e do presidente da Xunta que xa anunciou a súa vontade de asistir se o facían os citados ministros.

 

2º- Esixir, o aumento da dotación orzamentaria das axudas de compensación de custes de emisións indirectas de CO2 ata o máximo legalmente permitido pola normativa europea.

 

3º- Autorizar, sen máis dilación, os parques eólicos de competencia estatal vencellados a contratos a longo prazo para a produción de enerxía a prezos competitivos (PPAs) que prevén subministrar á factoría mariñá.

 

4º- Articular unha liña de axudas públicas e apoios extraordinarios que garantan o investimento para a modernización da planta no mesmo sentido que as que recibiron outras empresas tamén declaradas estratéxicas polo Estado.

 

5º- Modificar o Estatuto do Consumidor Electrointensivo para crear a figura das Empresas Hiper-Electrointesivas e deseñar mecanismos de apoio específicos ou reforzados que atendan ás necesidades especiais desta figura.

 

6º- Articular unha interrumpibilidade que aproveite a capacidade destas industrias para funcionar como colchón nos picos de consumo de enerxía.

 

7º- Estudar todas as accións legais e institucionais que garantan os compromisos adquiridos por parte das distintas administración e de Alcoa, en particular, aqueles previstos no acordo de viabilidade ou, alternativamente, os que se puideran pactar entre empresa e traballadores no marco do proceso de negociación.

 

8º- Para o caso de que todas as accións anteriores sexan insuficientes, activar a intervención pública temporal e instrumental de Alcoa, para garantir a continuidade da actividade e o mantemento de todos os postos de traballo en San Cibrao, incluíndo o das auxiliares.

 

 

3.4 14589(12/PNP-001233) Grupo Parlamentario Popular de Galicia

Prado del Río, Paula e 14 máis

Sobre a demanda que a Xunta de Galicia debe trasladar ao Goberno central coa fin de materializar a transferencia competencial e o traspaso efectivo de funcións e medios en materia de servizos meteorolóxicos e estudos oceanográficos Publicación da iniciativa polo procedemento de urxencia, 118f2, 20.11.2024

 

O texto aprobado é o seguinte:

 

 

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno de España para trasladar as seguintes demandas:

 

1.- Solicitar a transferencia da competencia dos servizos de meteoroloxía e estudos oceonográficos e iniciar os trámites para establecer un marco normativo propio.

 

2.- Solicitar o traspaso efectivo das funcións, medios financeiros e materiais relativos á competencia dos servizos de meteoroloxía e estudos oceanográficos".



Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina