A Comisión 1ª, Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior, na súa sesión do 27 de novembro de 2024, adoptou os seguintes acordos:
Procedementos de control e impulso
Proposicións non de lei en Comisión
Aprobación sen modificacións
- 6394 (12/PNC-000764)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Prado del Río, Paula e 8 máis
Sobre a demanda que o Goberno Galego debe dirixir ao Goberno central co fin de que impulse determinadas medidas para apoiar o corpo da Garda Civil e reforzalo, nomeadamente no medio rural galego, para renovar e mellorar os seus cuarteis e para incrementar a cooperación entre ela e os corpos de Policía local e entre ambos os corpos
BOPG n.º 46, do 03.07.2024
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións por 9 votos a favor, 0 votos en contra e 6 abstencións.
O texto aprobado é o seguinte:
"O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno de España para demandarlle que poña en marcha unha serie de medidas para blindar a seguridade no medio rural galego, en particular:
1º. Apoiar e recoñecer o labor que realiza a Garda Civil, comprometéndose a manter a súa presenza en todos os cuarteis de Galicia, e mesmo a estudar a posibilidade de reapertura daqueles clausurados nos últimos anos, e a dotalos de máis medios persoais e materiais, que garantan a atención presencial as 24 horas do día.
2º. Executar na súa totalidade un plan integral destinado á construción, renovación, mellora e ampliación dos acuartelamentos da Garda Civil no medio rural galego, especialmente no que respecta á execución das obras comprometidas e aínda pendentes.
3º. Crear os instrumentos e protocolos, negociados cos concellos, para que de forma práctica e efectiva se incremente a cooperación da Garda Civil cos Corpos de Policía Local, e destes entre si.
4º. Reforzar de maneira urxente, con medios materiais e humanos, os Postos da Garda Civil en todas aquelas zonas que carecen de Policía Local.
5. Ocupar as prazas totais que aparecen definidas no catálogo de postos de traballo das distintas provincias galegas e que están vacantes na actualidade e elaborar incentivos profesionais e económicos para que os axentes queiran ocupar os postos de baixa demanda no medio rural."
Aprobación por unanimidade sen modificacións
- 8879 (12/PNC-000899)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Prado del Río, Paula e 8 máis
Sobre a demanda dirixida ao Goberno galego co fin de persistir no impulso da formación das forzas e corpos de seguridade en materia de espectáculos e de seguridade en grandes eventos a través da Academia Galega de Seguridade Pública
BOPG n.º 68, do 21.08.2024
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións pola unanimidade dos 15 deputados e deputadas presentes.
O texto aprobado é o seguinte:
"O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a continuar impulsando a formación das forzas e corpos de seguridade en materia de espectáculos e de seguridade en grandes eventos a través da Academia Galega de Seguridade Pública."