DÍA MUNDIAL DA INFANCIA 2024
Hoxe, Día Mundial da infancia, queremos destacar a necesidade de defender todos os dereitos de todos os nenos e nenas, recordando que aínda quedan grandes desafíos por abordar que nos interpelan tamén a nivel autonómico. Por esta razón, sumámonos a UNICEF Comité Galicia e á Plataforma de Organizacións de infancia de Galicia, que subliñan algunhas cuestións urxentes para o benestar dos nenos, nenas e adolescentes, para as cales é imperativo tomar medidas:
• Debemos continuar traballando para que en Galicia se reduza a porcentaxe de nenos e nenas que se atopan en risco de pobreza ou exclusión social. É preciso un maior e máis eficiente investimento na infancia, garantindo que se asignen os recursos necesarios, situando os dereitos da infancia no centro.
• Cómpre continuarmos avanzando no coñecemento do impacto da tecnoloxía na vida dos nenos, nenas e adolescentes. É fundamental recoñecer os principais riscos e establecer os mecanismos necesarios para poñer en marcha actuacións de prevención, educación e atención, asegurando os seus dereitos no contorno dixital.
• Avanzar nunha política autonómica de saúde mental da infancia e da adolescencia, que garanta un investimento suficiente, un incremento dos recursos especializados que aseguren unha atención de calidade e o fortalecemento dun enfoque multidisciplinar. Esta estratexia debe incluír sistemas de información e sensibilización, cun forte enfoque na infancia máis vulnerable.
• No que respecta ao sistema de protección, é imprescindible unha avaliación para rexenerar o seu funcionamento. Débense incrementar os recursos de preservación familiar destinados a evitar que a infancia entre no sistema, sempre que sexa o máis aconsellable, continuar incrementando os recursos destinados ao acollemento residencial e promover campañas de difusión sobre o acollemento familiar, para que crezan nun ambiente similar ao dunha familia.
• No ámbito da prevención da violencia, débese continuar impulsando a LOPIVI con maior vontade política e esforzo orzamentario. Cómpre promover campañas de sensibilización, facilitar programas formativos aos distintos profesionais para a mellora da prevención e a detección precoz, impulsar a participación da infancia, xerar contornos protectores e mellorar o sistema de recollida de datos para, en consecuencia, deseñar as políticas adecuadas para poñer fin a esta problemática. É tamén preciso un maior impulso das figuras de coordinador de benestar e protección nos centros educativos e do delegado de protección no ámbito do ocio e o deporte.
• E todo isto sen deixar de prestar atención ás problemáticas existentes noutros lugares do mundo, fortalecendo a cooperación internacional para o desenvolvemento.
Asegurar a consecución dos dereitos de nenos, nenas e adolescentes é unha cuestión colectiva e de obrigado cumprimento. Os responsables políticos debemos coordinarnos para que o deseño, a implementación e a avaliación das políticas dirixidas á infancia estean acompañados da asignación adecuada de recursos e sempre da man da promoción da participación infantil e adolescente.
Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2024