Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 20 de novembro de de 2024
4.2 9051(12/PNP-000788) Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Amigo Díaz, María Encarnación e 8 máis
Sobre a demanda que a Xunta de Galicia debe trasladar ao Goberno central co obxecto de que constitúa a Comisión Mixta de Transferencias e materialice o traspaso dos medios materiais e persoais necesarios para xestionar o litoral da comunidade
Publicación da iniciativa, 73, 29.08.2024
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno de España e reiterarlle a necesidade de que constitúa, coa máxima celeridade posible, a Comisión Mixta de Transferencias e, tras o aval do Tribunal Constitucional, faga efectivo o traspaso dos medios materiais e persoais necesarios para que a Administración autonómica poida xestionar o litoral e permita así consolidar o autogoberno pleno sobre os máis de 2.500 quilómetros de costa galega".
4.3 11047(12/PNP-000915) Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Arias Rodríguez, Raquel e 7 máis
Sobre as demandas que a Xunta de Galicia debe trasladar ao Goberno central respecto da política contra a violencia de xénero
Publicación da iniciativa, 87, 19.09.2024
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno de España e trasladarlle a necesidade de:
1. Renovar canto antes o Pacto do estado contra a violencia de xénero para ampliar as súas medidas e coa incorporación de medidas específicas contra a violencia vicaria ou a violencia dixital, económica, pornográfica e, en calqueira caso, acelerar o cumprimento do Pacto naqueles aspectos aínda non desenvolvidos.
2. Revisar os erros do sistema Viogén á hora de valorar o risco da vítimas de violencia de xénero e incorporar novos aspectos que melloren a seguridade das vítimas.
3. Aprobar unha lei orgánica contra a trata e a explotación de seres humanos e acordar coas comunidades autónomas un marco conxunto de traballo e financiamiento e se mellore o protocolo marco de protección das vítimas de trata de seres humanos coa experiencia acumulada.
4.5 13849(12/PNP-001156) Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Castro Rey, Paloma e 2 máis
Sobre as actuacións e medidas que o Goberno galego debe impulsar co obxecto de establecer un marco global de loita no ámbito da violencia contra as mulleres
Publicación da iniciativa, 112f1, 05.11.2024
O texto aprobado é o seguinte:
O Parlamento de Galicia insta o Goberno galego a:
1. Incluír a educación afectivo-sexual nos proxectos curriculares dos centros de ensinanza obrigatoria a partir do vindeiro curso 25/26.
2. Planificar e establecer un programa específico de formación ao profesorado para garantir e impulsar a partir do vindeiro curso 25/26 actividades e recursos formativos en materia afectivo sexual, en primaria e E.S.O, en todos os centros públicos da comunidade.
3. Incremento de programas de formación en igualdade e prevención da violencia machista, en ámbitos como o sanitario, a educación ou a xustiza ou profesións dentro do eido social. Esixindo esta formación aos profesionais que desenvolvan a súa actividade en servizos externalizados pola Xunta do eido social, familiar ou xurídico.
5. Actualizar o Protocolo de coordinación e cooperación institucional fronte á violencia de xénero na Comunidade Autónoma de Galicia co fin de dar unha resposta multidisciplinar efectiva a todas as mulleres vítimas (xurídica, económica, psicolóxica, laboral, habitacional).
6. Presentar no Parlamento de Galicia no primeiro trimestre de 2025, un informe de seguimento da execución do I Plan galego contra a trata de seres humanos con fins de explotación sexual 2022-2024.
10. Colaborar, a través da Fegamp, na implantación en todos os concellos galegos do Protocolo de actuación contra as violencias sexuais e LGBTI fóbicas nos espazos de lecer nocturno.
11. Impulsar campañas de sensibilización e información, dirixidas aos diferentes sectores de poboación, co fin de contrarrestar as mensaxes negacionistas e incrementar a concienciación e comprensión pola cidadanía das distintas manifestacións das formas de violencia contra as mulleres".