A Comisión 5ª, Sanidade, Política Social e Emprego, na súa sesión do 14 de novembro de 2024, adoptou os seguintes acordos:
Procedementos de control e impulso
Proposicións non de lei en Comisión
Aprobación sen modificacións
- 10718 (12/PNC-001008)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Arias Rodríguez, Raquel e 8 máis
Sobre a demanda que a Xunta de Galicia debe dirixir ao Goberno central co obxecto de que teña en conta na tramitación da futura Lei de familias as achegas realizadas polo Goberno galego respecto do concepto de familia numerosa
BOPG n.º 88f1, do 20.09.2024
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións por 9 votos a favor, 2 votos en contra e 5 abstencións.
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno de España ante o importante retraso que sofre a tramitación da Lei de Familias polas sucesivas prórrogas para a presentación de emendas có fin de que se teñan en conta as aportacións feitas pola Xunta de Galicia en relación ao concepto de familia numerosas e non bote por terra todo do traballo e o consenso social acadado neste eido ao longo dos anos."
Aprobación por unanimidade con modificacións
- 11757 (12/PNC-001115)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Amigo Díaz, María Encarnación e 8 máis
Sobre as demandas dirixidas ao Goberno galego relativas á dixitalización dos quirófanos e dos consentimentos informados dos pacientes
BOPG n.º 95f1, do 02.10.2024
Sométese a votación e resulta aprobada con modificacións respecto do texto orixinal, pola unanimidade dos 17 deputados e deputadas presentes.
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a:
1.- Finalizar o proceso de dixitalización dos quirófanos nas sete áreas sanitarias do Servizo Galego de Saúde.
2.- Abordar unha dixitalización homoxénea dos consentimentos informados dos pacientes en todo o Servizo Galego de Saúde, có fin de facilitar a accesibilidade e información, garantindo en todo momento a oferta positiva en galego e a plena dispoñibilidade de toda a información na nosa lingua."