Santiago, 12 de novembro de 2024.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, destacou hoxe a necesidade de fortalecer os programas de saúde así como as campañas de concienciación a favor da saúde mental de nenos e nenas. Avogou por un cambio cultural onde buscar axuda “se vexa como un signo de responsabilidade, libre de estigmas e prexuizos".
A Cámara galega acolleu este mediodía o XII Foro de Participación Infantil Parlamento de Galicia-UNICEF, unha actividade que se enmarca no Pacto Galego pola Infancia ratificado polos grupos que integran o lexislativo autonómico.
O Pleno infantil contou coa participación de nenos, nenas e adolescentes representantes dos grupos e consellos locais de participación infantil e adolescente da Laracha, Viveiro, Burela, Teo, Moaña, Tui, O Rosal, Nigrán, Ponteareas, Moeche e Tomiño. Durante o acto os nenos e nenas participantes entregáronlle ás autoridades asistentes uns lentes azuis para que, no desenvolvemento das súas responsabilidades, poidan ter moi presente a mirada da infancia.
Na súa intervención, o xefe do Lexislativo autonómico, referíuse a Barómetro de Opinión da Infancia e Adolescencia 2023-2024 elaborado por UNICEF no que se reflicte que catro de cada dez adolescentes manifesta ter tido un problema de saúde mental nos últimos doce meses e máis da metade non pediu axuda. Santalices lembroulles aos nenos e nenas participantes a importancia de, si se ven nese caso, de buscar axuda no ámbito familiar e no das amizades, e, sobre todo, axuda especializada.
Nese sentido, o presidente do Parlamento suliñou a importancia de potenciar a escoita activa e a participación de nenos e nenas e dos adolescentes, en clave de saúde mental, en todos os espazos de decisión.
Espazos seguros
Santalices expresou de novo o seu recoñecemento polo esforzo que están a desenvolver os profesionais e voluntarios que traballan na recuperación dos territorios afectados pola DANA e salientou a necesidade de restablecer o acceso normalizado á educación “para que canto antes as aulas se convertan en espazos seguros".