Procedementos de control e impulso
Proposicións non de lei en Comisión
Aprobación sen modificacións
- 12167 (12/PNC-001158)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Rodríguez Carrera, María Felisa e 7 máis
Sobre a demanda que a Xunta de Galicia debe trasladar ao Goberno central co obxectivo de que colabore con recursos procedentes dos fondos Next Generation no financiamento das necesidades do sector do comercio galego
BOPG n.º 97f1, do 09.10.2024
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións por 14 votos a favor, 0 votos en contra e 2 abstencións.
O texto aprobado é o seguinte:
"O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno de España para demandar a transferencia a favor da nosa Comunidade Autónoma de recursos procedentes dos fondos europeos Next Generation co obxecto de financiar as necesidades do comercio galego e das súas asociacións e federacións."
Aprobación por unanimidade con modificacións
- 1357 (12/PNC-000155)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Fernández Alfonzo, Ramón Tomás e 3 máis
Sobre a demanda ao Goberno galego dun plan de rehabilitación e de posta en valor do mosteiro de Santa María de Monfero
BOPG n.º 12f2, do 17.04.2024
Sométese a votación e resulta aprobada con modificacións respecto do texto orixinal, pola unanimidade dos 16 deputados e deputadas presentes.
O texto aprobado é o seguinte:
"O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a que coa participación doutras administración e nomeadamente co Goberno de España a impulsar un plan para a rehabilitación e posta en valor do Mosteiro de Sta. María de Monfero e para a súa inclusión nos itinerarios turísticos, así como a procurar as vías para facerse coa titularidade do conxunto patrimonial."
Aprobación por unanimidade sen modificacións
- 11427 (12/PNC-001079)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Méndez López, Lara e 2 máis
Sobre as medidas que debe adoptar a Xunta de Galicia co fin de axilizar a execución dos fondos Next Generation destinados ao Plan de modernización e competitividade do sector turístico
BOPG n.º 91f2, do 25.09.2024
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións pola unanimidade dos 16 deputados e deputadas presentes.
O texto aprobado é o seguinte:
"O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a:
1. Axilizar e priorizar a tramitación das prórrogas dos plans de sustentabilidade.
2. Dar soporte técnico a aqueles concellos que se atopan en niveis baixos de execución por falta de medios técnicos para realizar as contratacións e desenvolver a carga e validación de documentación na plataforma cofee."