O presidente do Parlamento sinala as posibilidades do termalismo para intervir no reequilibrio territorial
Santiago, 27 de setembro de 2024.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, destacou hoxe, na clausura da Feira Internacional do Turismo Termal, Saúde e Benestar (Termatalia), a aposta estratéxica de Galicia polo termalismo polo seu potencial dentro do turismo desestacionalizado, así como as posibilidades do sector para intervir no reequilibrio territorial das zonas do interior. “Desde o Parlamento compartimos esa senda de desenvolvemento", afirmou.
Santalices presentouse ante os ponentes e promotores deste foro internacional con representación de 25 países como un “apasionado defensor dos beneficios saudables que conleva o termalismo". E tamén “especialmente orgulloso de pertencer a unha provincia, Ourense, que se ten convertido nun claro referente, tanto a nivel nacional como internacional".
Calidade de vida
Durante a súa intervención, defendeu a proposta de trasladar os beneficios terapéuticos demostrados das augas termais ao ámbito da asistencia sanitaria para “aportar notables melloras á calidade de vida dos doentes". Neste sentido, lembrou que son numeroso os estudos científicos que nos últimos anos teñen demostrado que a utilización de augas mineromedicinais en numerosas patoloxías logra diminuir entre un 40 e un 60 por cento o consumo de medicamentos.
O xefe do Lexislativo autonómico insistiu na necesidade de conservar o auga, “o noso principal recurso", e con ela o termalismo como fonte de saúde.
Santalices felicitou aos organizadores de Termatalia24 en Ourense e desexoulles moitos éxitos aos encargados de activar a seguinte edición que se celebrará en Colombia.