A Comisión 8ª, Pesca e Marisqueo, na súa sesión do 17 de setembro de 2024, adoptou os seguintes acordos:
Procedementos de control e impulso
Proposicións non de lei en Comisión
Aprobación por unanimidade con modificacións
- 9194 (12/PNC-000912)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Abalde Alonso, Julio Ernesto e López Font, Carlos
Sobre as accións inmediatas e outras actuacións que o Goberno galego debe pór en marcha en relación coa situación da produción marisqueira
BOPG n.º 72f2, do 28.08.2024
Sométese a votación e resulta aprobada con modificacións respecto do texto orixinal, pola unanimidade dos 16 deputados e deputadas presentes.
O texto aprobado é o seguinte:
"O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a:
Acelerar a implantación das medidas do Plan de competitividade e sostenibilidade do marisqueo de Galicia 2024-2025, así como informar correspondentemente ao Parlamento das medidas implantadas dos axustes que se realicen, en colaboración co sector marisqueiro, no plantexamento inicial derivado dos datos científico técnicos do estado dos recursos dispoñibles en cada momento".
Aprobación por unanimidade sen modificacións
- 10023 (12/PNC-000952)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Fidalgo Iglesias, Miguel e 8 máis
Sobre a demanda que a Xunta de Galicia debe dirixir ao Goberno central co fin de que adopte medidas ante a proliferación de información alimentaria confusa que pode inducir o consumidor a comprar produtos vexetais que simulan ser peixe
BOPG n.º 78f1, do 06.09.2024
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións pola unanimidade dos 16 deputados e deputadas presentes.
O texto aprobado é o seguinte:
O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno de España a:
1. Adoptar as medidas necesarias no desenvolvemento do Regulamento (UE)1169/2011 do 25 de outubro de 2011, sobre a información alimentaria facilitada ao consumidor, para evitar a información confusa na etiquetaxe de produtos de orixe vexetal baixo a denominación de peixe.
2. Instar á Comisión Europea para que na próxima revisión do Regulamento da organización común dos mercados (OCM) no sector dos produtos da pesca e da acuicultura inclúase unha proposta lexislativa para reservar calquera definición comercial, designación e descrición de venda de 'peixe' aos produtos pesqueiros".