Santiago, 13 de setembro de 2024.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, gabou hoxe, durante a inauguración da exposición Historia da Medicina Rural Galega o trato “vocacional e humano" dos médicos rurais na atención aos seus pacientes.
Na súa intervención, o xefe do Lexislativo galego, lembrou aos profesionais das áreas rurais como “heroes" que exerceron a medicina cunha “entrega e vocacións infinitas", que os levaba moitas veces a suplir a falta de medios con inxenio e pericia.
Trasladou as súas felicitacións á Fundación do Museo do Médico Rural por ter dinamizado o seu proxecto orixinal para estender e dar a coñecer ao resto da xeografía a historia e a memoria da medicina rural “á que tanto lle debemos", dixo.
Santalices fixo fincapé na importancia de manter a atención personalizada, ao mesmo tempo que se avanza coa modernización tecnolóxica no coidado da saúde. Neste sentido, o presidente do Parlamento declarouse orgulloso dos avances éticos e profesionais na senda da humanización da sanidade pública.
A exposición Historia da Medicina Rural Galega que se pode visitar no Edificio Santa Leonor no concello ourensán da Pobra de Trives recompila unha ampla selección do Museo do Médico Rural de Maceda e emprega paneis informativos cos que se ilustra o contexto no que traballaban estes profesionais da medicina. Permite ademais coñecer como era o seu consultorio, o instrumental médico do que dispoñían e mesmo as diferencias xeracionais na evolución das farmacias.