saltar ao contido

Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 11 de setembro de 2024


5.1 1619 (12/PNP-000180)

Grupo Parlamentario Popular de Galicia

Balseiro Orol, José Manuel e 9 máis

Sobre as demandas que a Xunta de Galicia debe facer ao Goberno central relacionadas coas condicións en que están os servizos ferroviarios en Galicia.

Publicación da iniciativa, BOPG n.º 12f1, do 17.04.2024

 

O texto aprobado é o seguinte:

 

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno de España para demandar:

 

 1º- Que se restablezan e reforcen os servizos ferroviarios que posibilitan a mobilidade dos galegos, tanto no interior coma co resto de España, en particular, recuperando as frecuencias suprimidas pola pandemia e adoptando as medidas necesarias para que a oferta dispoñible en conexións e horarios responda ás necesidades reais de cidadanía.

 

2º- Que se incrementen as prazas nas conexións ferroviarias con maior demanda e realicen os investimentos necesarios nas infraestruturas ferroviarias para garantir un servizo moderno e de calidade nas instalacións e nos trens.

 

 3º- Que se garanta que cidades como a de Lugo e Ferrol accedan en pé de igualdade co resto do territorio á alta velocidade e á intermodalidade, para o que se estima imprescindible a execución das variantes ferroviarias de PearesCanaval e Rubián e a variante ferroviaria de Betanzos.

 

4º- Que se preste especial atención, debido á súa situación de precariedade na que se atopan, aos corredores ferroviarios de Coruña-Lugo-Monforte ou o VigoOurense-Monforte evitando a perda progresiva de servizos, así como ás conexións entre Lugo e Madrid, e co País Vasco e Cataluña".

 

“5º. Que se axilice a execución da Saída Sur de Vigo, para que poida estar en funcionamento no horizonte de 2030, xa que constitúe un elemento clave para avanzar na conexión con Portugal por alta velocidade.

 

6º. Que se dea cumprimento aos compromisos adquiridos na xuntanza celebrada o pasado xuño sobre a designación dun interlocutor para requirir información e explicacións sobre as constantes incidencias que se rexistran no transporte ferroviario en Galicia, a remisión do Plan director do Corredor Atlántico e a creación do grupo de traballo técnico entre Xunta e Goberno central para avanzar nos proxectos previstos e analizar as necesidades detectadas.

 

 7º. Que se corrixan as múltiples incidencias e retrasos rexistrados no servizo ferroviario en Galicia, nomeadamente no relativo aos trens Avril-Avlo, e incorporar os novos trens comprometidos polo Ministerio para o vindeiro outono como resposta á alta demanda contabilizada.

 

8º. Que se reprobe ao ministro de Transportes e Mobilidade Sostible polas declaracións realizadas durante a súa comparecencia nas Cortes Xerais nas que, lonxe de asumir o caos do transportes ferroviario rexistrado durante este verán, asegurou que “o tren vive en España o mellor momento da súa historia".

               

5.2  2395 (12/PNP-000280)

Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego

Suárez Fernández, Iago e Fernández Fernández, Secundino

Sobre as accións que a Xunta de Galicia debe impulsar ante os principais problemas actuais da viticultura na Ribeira Sacra

Publicación da iniciativa, BOPG n.º 20f1, do 02.05.2024

 

O texto aprobado é o seguinte:

 

“O Parlamento galego insta a Xunta de Galiza a:

 

1.Deseñar as medidas necesarias para dar solución ao problema da falta de remuda xeracional no sector vitivinícola na Ribeira Sacra.

 

2. Axudar economicamente os viticultores aos que se lles ameaza con non recoller a uva.

 

3. Arbitrar medidas para saída ao exceso de uva e viño na denominación de orixe Ribeira Sacra."

 

               

 

               

5.4 8718 (12/PNP-000773)

Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia

Méndez López, Lara e Iglesias Rey, Patricia

Sobre a demanda dirixida ao Goberno galego respecto da elaboración dun plan turístico integral que englobe o desfrute dos visitantes coa convivencia dos residentes e os obxectivos económicos

Publicación da iniciativa, BOPG n.º 68, do 21.08.2024

 

O texto aprobado é o seguinte:

 

O Parlamento de Galicia insta o Goberno galego a realizar un plan turístico integral para o noso país, un plan sólido ben estruturado que poida traer múltiples beneficios a Galicia tanto en termos económicos como na mellora da calidade de vida da nosa veciñanza, así como o desfrute das persoas que nos visitan

 

               

5.6  9776 (12/PNP-000814)

Grupo Parlamentario Popular de Galicia

Rodríguez Carrera, María Felisa e 7 máis

Sobre as demandas que a Xunta de Galicia debe trasladar ao Goberno central para a adopción dunha postura respecto da situación política de Venezuela e a proposta de resolución que se presenta co obxecto de manifestar a adhesión ás iniciativas de protesta pacífica contra o goberno de Nicolás Maduro

 

 

O texto aprobado é o seguinte:

 

 

 

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno de España para que adopte as seguintes medidas:

1º.- Liderar, diante da Unión Europea, o recoñecemento do presidente electo lexítimo de Venezuela, Edmundo González, e que se produza unha transición pacífica do país cara a unha democracia plena.

 2º. - Condenar a sistemática política de criminalización, por parte do réxime de Nicolás Maduro, en contra dos cidadáns venezolanos que decidiron exercer os seus dereitos civís e políticos no marco da Constitución venezolana.

 3º.- Esixir ao réxime de Nicolás Maduro o cesamento inmediato da represión a líderes de partidos opositores, activistas de dereitos humanos, sindicalistas, xornalistas, testemuñas electorais e demais cidadáns en exercicio dos seus dereitos civís e políticos e a violación dos dereitos humanos destas persoas

4º- Facilitar a tramitación, por parte das Administracións Públicas, das solicitudes de protección internacional feitas por cidadáns venezolanos que foxen da opresión política e da exclusión económica e social en Venezuela, así como dos trámites que lles permitan integrarse en España aos devanditos cidadáns

5º.- Solicitar á Unión Europea o mantemento das sancións impostas ao réxime de Nicolás Maduro mentres non existan garantías fidedignas e comprobables dunha transición do país cara a unha democracia plena

6º.- Recoñecer a situación de emerxencia humanitaria que vive Venezuela e a condición de vítimas de persecución política dos exiliados venezolanos en España.

Asemade, o Parlamento de Galicia acorda como Resolución, manifestar a seu apoio e adhesión a todas as iniciativas de protesta pacífica organizadas pola oposición venezolana e polos exiliados residentes no noso país, nas que se reclame o fin da represión, o inicio dun proceso de transición cara a democracia e un plan de recoñecemento e respecto aos resultados electorais en Venezuela".​​



Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina