DECLARACIÓN INSTITUCIONAL
EUROMELANOMA: compromiso cos doentes de cancro de pel
A campaña EUROMELANOMA, proxecto paneuropeo para a defensa do doente con melanoma, e no que Galicia, e o Parlamento de Galicia en particular, participan desde anos atrás, pretende educar en prevención fronte ao cancro de pel e concienciar a sociedade sobre a importancia de realizar unha exposición solar o máis saudable posible, coñecer os síntomas e signos de alarma que permitan un diagnóstico precoz e informar sobre os tratamentos dispoñibles.
O cancro cutáneo é o máis prevalente en Galicia e a súa incidencia aumenta, con máis de cincocentos melanomas diagnosticados ao ano, sendo aínda máis frecuente o cancro cutáneo non melanoma.
As persoas que padeceron un cancro de pel teñen maior risco de volver padecelo. De aí a importancia da vixilancia e o seguimento continuos. Por iso, EUROMELANOMA céntrase este ano nestes doentes, co obxectivo de promover tanto a prevención como o coidado físico e psicolóxico. Os seus lemas son “Vive e aprende" e “Aprende a vivir".
A doutora Ángeles Flórez, xefa do Servizo de Dermatoloxía do CHUS e coordinadora nacional da campaña EUROMELANOMA en España, destaca a importancia do soporte ao doente no proceso de tratamento e recuperación do cancro de pel. A campaña responde ao risco de recorrencia da enfermidade, fomentando unha maior vixilancia e unha actitude positiva e saudable, apoderando o doente para tomar o control da súa saúde. O apoio integral non só contribúe ao éxito do tratamento, senón que ten impacto na calidade de vida e no benestar emocional do doente durante todo o proceso.
Os dermatólogos galegos, no contexto de EUROMELANOMA, levan a cabo diversas actividades divulgativas que teñen como obxectivo concienciar sobre a importancia da prevención primaria e secundaria do cancro de pel e mais das medidas que fomentan a redución da incidencia, morbilidade e mortalidade.
Por todo isto, o Parlamento de Galicia apoia a iniciativa EUROMELANOMA e amosa o seu compromiso cos doentes de cancro de pel.