saltar ao contido

O Parlamento acolle a presentación do libro “O Estatuto de Galiza. Antecedentes e comentarios”

 

  • A obra inclúe un estudo introdutorio de Miguel Anxo Seixas e unha edición facsimilar da publicación patrocinada polas colectividades galegas en Buenos Aires en 1948

 

  • Santalices destaca a “merecida e necesaria" homenaxe a Castelao como inspirador  e impulsor da lexitimidade autonomista

 

Santiago, 3 de xullo de 2024.-  O Parlamento de Galicia acolleu hoxe a presentación do libro O Estatuto de Galicia. Antecedentes e comentarios, unha obra do presidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas, que recolle un estudo introdutorio da súa autoría e unha edición facsimilar da publicación patrocinada polas colectividades galegas de Buenos Aires en 1948 para conmemorar o aniversario do plebiscito do Estatuto de Galicia de 1936.

 

Na presentación desta obra, editada co patrocinio da Cámara galega, o presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices Vieira, sinalou que este acto celebrado na Sala do Rexurdimento é o prólogo da “merecida e necesaria" homenaxe a Castelao, como inspirador da nosa autonomía e impulsor  da lexitimidade autonomista e democrática.

 

“A de hoxe é unha xornada histórica", engadíu o xefe do Lexislativo autonómico, que se celebra cando xa transcorreron algo máis de catro décadas desde a instauración dunha autonomía “firmemente asentada".

​ 

Neste sentido, Santalices Vieira anunciou que o Parlamento de Galicia organizará o recoñecemento público de homenaxe a Castelao coa conmemoración no vindeiro mes de novembro do 80 aniversario do Consello de Galiza, constituído en Montevideo en 1944, como precursor do autogoberno. Un segundo acto, no mes de xaneiro do vindeiro ano, lembrará o 75 aniversario do seu falecemento en Buenos Aires en 1950.

 

O presidente do Parlamento reivindicou este tributo a Castelao desde o Parlamento, “a casa que é a de todas as galegas e galegos", como xa se fixo con anterioridade cos integrantes da Xeración Nós, ou Alexandre Bóveda e coas vítimas galegas do franquismo. “Queremos renderlle, solemnemente, no nome do conxunto das galegas e galegos que temos a honra de representar, un tributo de agradecemento infinito polo que foi, polo que fixo e polo que representa para os galegos da terra e os da Galicia universal", engadíu.

 

Agradecementos

 

Agradeceu así mesmo a implicación nestes futuros actos do Partido Galeguista, a Federación de Asociacións da República Arxentina, Centro Galicia, o Instituto Arxentino-Galego Santiago Apóstol, a Asociación Benéfica Cultural de Corcubión, o Centro  Betanzos e a Fundación Xeito Novo. E, do mesmo xeito, aos integrantes da Xunta de Portavoces, que acordaron por unanimidade a celebración da homenaxe, á Fundación Castelao e ao seu presidente, e á profesora Rosario Álvarez pola súa colaboración.

​ 

Saúdos. Gabinete de comunicación



Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina