Santiago, 13 de xullo de 2024.- O Parlamento de Galicia inaugurou esta tarde, na sede Afundación da Coruña, a exposición A Nosa Arte. Colección do Parlamento de Galicia, conformada por unha escolma de 40 obras da colección artística da Cámara autonómica.
No acto inaugural, o titular do Lexislativo galego, Miguel Ángel Santalices Vieira, recordou que a colección de arte do Parlamento está integrada por máis de 300 pezas a maioría en propiedade, aínda que tamén conta con obras cedidas, que “pertencen á totalidade das galegas e galegos". Citou, como exemplo, o lenzo de Jorge Peteiro, unha obra “xa icónica que reproduce a fachada do Parlamento e supón a carta de presentación desta mostra".
Para Santalices, trátase dunha “visita obrigada, dado que a exposición proba o talento e a longa tradición artística da cidade herculina, sobradamente acreditada por algunhas das obras incorporadas a esta mostra". Artistas referenciais como Urbano Lugrís, Felipe Criado ou Luís Seoane son exemplos inspiradores do palpitar cultural da Coruña e da súa excelente e extensa rede cultural.
Abrir as institucións
Santalices explicou que así como as deputadas e deputados desenvolven parte do seu traballo nas circunscricións electorais polas que resultaron elixidos, “tamén a institución parlamentaria está obrigada a buscar o contacto coa xente". Amosouse convencido de que “as institucións estáticas, inmóbiles e pechadas son cousa do pasado. Peor nos irá canto máis tardemos en decatarnos e actuar en consecuencia".
Nesta filosofía se enmarcou a organización desta exposición itinerante, a primeira destas características integrada en exclusiva por pezas da Cámara. Xa se amosou en Vigo, Ferrol, Ourense, Pontevedra e Lugo, e hoxe recala na Coruña como colofón desta necesaria e imprescindible xira de arte moderno galego.
Referencia cultural
Santalices destacou a oferta cultural coruñesa como un dos seus sinos de identidade históricos, con creadores de altísimo nivel como Noemí Otamendi, García Patiño ou Siro López, artistas presentes nesta mostra. Eles e tantos outros contribúen e contribuíron a converter A Coruña nunha urbe efervescente, profundamente galega e aberta, como reza o lema “a cidade onde ninguén é forasteiro".
A itinerancia da exposición “responde e fai visible o compromiso da primeira institución de Galicia co conxunto do territorio ao que serve, sexa no litoral ou no interior, na mariña ou na montaña, no urbano ou no rural, unha realidade poliédrica que temos a obriga de ter presente, respectando sempre a súa diversidade", afirmou Santalices Vieira.
A mostra remata o seu periplo na Coruña e o presidente do Parlamento de Galicia afirmou que “a sensibilidade dos coruñeses, xunto co atractivo da cidade nos meses estivais para turistas e visitantes estou seguro que multiplicará o éxito de público da exposición".
Agradecemento
O presidente do Parlamento tivo palabras de agradecemento para a Xunta de Galicia, que colabora na organización desta mostra; e para Afundación, que cede as súas sedes nas cidades galegas, como fixera anteriormente con outras actividades impulsadas pola Cámara.
Agradeceu o traballo da Real Academia Galega de Belas Artes, que colaborou na catalogación e musealización da colección e o seguirá a facer emitindo informe previo e vinculante en relación coa adquisición de calquera nova obra de arte por parte do Parlamento. O comisariado da mostra corre a cargo da Real Academia de Belas Artes a través de tres dos seus académicos: María Victoria Carballo-Calero, Felipe-Senén López Gómez e José Carlos Valle Pérez.
A xuízo de Santalices, “a Galicia contemporánea, e a nosa autonomía" son tributarias da Xeración Nós, polo seu exemplo e inspiración. Na súa opinión, “un século despois, as e os artistas galegos acreditan, pola vía dos feitos, co seu traballo, que son dignos sucesores daqueles mestres que inzaron Galicia de talento, de orgullo, de espírito de superación e dun cosmopolitismo que tanto precisabamos".
O acto contou tamén coas intervencións de Xosé Carlos Valle Pérez, en representación dos comisarios; Manuel Quintana Martelo, presidente da Real Academia Galega de Belas Artes; Marité Cores, coordinadora da área de Cultura de Afundación; o conselleiro de Cultura, Língua e Xuventude, José López Campos e o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez González.
A exposición inaugurada esta tarde en A Coruña poderá visitarse ata o 31 de agosto de 2024 na sede Afundación (Rúa Cantón Grande, 8), de luns a sábado (festivos incluídos) de 12:00 a 14:00 e de 17:30 20:30 h.