A presidenta do Parlamento de Galicia exerce como delegada rexia na Ofrenda Nacional ao Apóstolo Santiago
• Na Ofrenda presentada na Catedral de Santiago, que este ano celebra o oitavo centenario da súa consagración, a delegada rexia evoca outros momentos históricos de “dificultade e desalento”, superados con “esforzo e ilusión conxunta”
• Apunta que as solucións ás dificultades actuais “deben nacer do esforzo conxunto de todos nós”
• Avoga porque o Parlamento de Galicia, que celebra o seu trixésimo aniversario, asuma a concordia como norte
• Anima á xuventude a valorar a educación, “a fórmula máis válida para asegurar un futuro de plenitude”
• Lamenta a desaparición do Códice Calixtino, que desexa sexa recuperada
Santiago, 25 de xullo de 2011.- A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera, que hoxe exerceu como delegada Rexia na presentación da Ofrenda Nacional ao Apóstolo Santiago, centrou boa parte da súa invocación na situación actual. Fixo votos para que o “rexurdir da economía veña acompañado dun novo florecemento dos valores imperecedoiros” como a honestidade, o respecto, o esforzo individual e colectivo ou a solidariedade, “que semellan ás veces desdebuxados de entre as nosas prioridade cotiás”.
Con todo, a delegada rexia deixou claro que as solucións desexadas “deben nacer do esforzo conxunto de todos nós, solucións coas que podamos construír un futuro máis xusto e solidario”.
Decisións sabias
Na súa invocación, Rojo Noguera pediu ao Apóstolo Santiago que guíe aos gobernantes para que adopten “decisións sabias e acaídas ás necesidades do momento; que o ben común sexa a guía de cantas medidas se acorden”. E que “saibamos dar forma a normas axustadas ás necesidades da cidadanía, que faciliten a convivencia e fagan máis doado o día a día, fuxindo de trabas e dificultades”.
Nun ano no que o Parlamento de Galicia celebra o seu trixésimo aniversario, a titular da Cámara galega avogou porque “fagamos da concordia o norte do noso xeito de actuar”.
Na súa intervención, a delegada rexia solicitou a orientación do Apóstolo Santiago para que as familias “actúen sempre como xérmolo de convivencia e de respecto, para que eduquemos na tolerancia, na igualdade e na responsabilidade, e lles inculquemos o valor do esforzo aos nosos fillos e fillas”.
Rojo Noguera tivo presente na súa ofrenda ás vítimas da violencia contra as mulleres, “un gravísimo mal da nosa sociedade que nos sobresalta e espavorece día tras día”; e reclamou ánimos para non claudicar no empeño de acabar con esa lacra.
O valor da educación
Para a xuventude, a delegada rexia demandou alento, “para que valore e tire proveito da educación que se lle ofrece como a fórmula máis válida para asegurar un futuro de plenitude persoal e profesional”.
“Axuda, xa que logo, á Humanidade a eliminar os máis graves problemas que se nos presentan: as guerras, a violencia en todas as súas manifestacións, a fame, as formas diversas de escravitude moderna e o terrorismo, azoutes particularmente dolorosos na época na que vivimos”, engadiu a presidenta do Parlamento noutro momento da súa Ofrenda.
A delegada rexia implorou a protección do Apóstolo Santiago para todas as familias e para a súa saúde; para a Súa Maxestade El-Rei, “á fronte da xefatura do Estado, como garante da continuidade institucional e das facultades constitucionais atribuídas á Coroa”; e para o conxunto de Galicia, de España e de Europa, de xeito que “consigamos ser exemplo dunha sociedade desenvolvida, próspera, respectuosa, xenerosa e solidaria”.
Santiago, símbolo de tolerancia e concordia
Fixo referencia Pilar Rojo á celebración do oitavo centenario da consagración da Catedral de Santiago, ademais de lembrar que Compostela simboliza, desde hai séculos, a “vocación ecuménica que fixo dos camiños xacobeos a representación da búsqueda, nun espírito de tolerancia e concordia que modelou a forma de ser do pobo galego”.
Recordou a delegada rexia que durante os 800 anos transcorridos desde a consagración do tempo, tamén se sucederon os “momentos de dificultade e desalento, dos que saímos gracias aos esforzo e ilusión conxunta”.
Códice Calixtino
Rojo Noguera lamentou a desaparición do Códice Calixtino e expresou publicamente o desexo colectivo de que sexa recuperado.
Saúdos, Gabinete de Comunicación