saltar ao contido

Santalices: “A autonomía resultou un acerto para o noso sistema educativo”

 

 

  • O presidente do Parlamento participou en Santiago na presentación do libro “A Educación en Galicia en perspectiva", coordinado polo profesor Alejandro Sotelino

 

 

Santiago, 23 de febreiro de 2024.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, considera que “a autonomía resultou un acerto para Galicia e para o noso sistema educativo", na medida en que o autogoberno permitiu corrixir as carencias educativas que Galicia viña arrastrando.

 

Santalices compartiu esta reflexión no acto de presentación do libro “A Educación en Galicia en perspectiva. Alicerces para o porvir", un volume colectivo integrado por unha trintena de traballos e coordinado polo profesor Alexandre Sotelino. A presentación, celebrada na sede do Museo Pedagóxico de Galicia, en Santiago, contou tamén coa participación do conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta, Román Rodríguez.

 

Na súa intervención, o presidente do Parlamento recordou que a educación é unha ferramenta fundamental para o futuro de calquera sociedade, perspectiva que explica os avances rexistrados en Galicia nas últimas décadas.

 

A autonomía, punto de inflexión

 

Apuntou Santalices que “por fortuna, nos nosos días, a educación de calidade deixou de ser un privilexio reservado ás elites". Apuntou que, no caso de Galicia, “sería coa chegada da democracia e o posterior desenvolvemento da autonomía cando se produciu o verdadeiro punto de inflexión que permitiu á Comunidade dotarse dunha completa e variada oferta educativa pública, universal e gratuíta, como a que temos na actualidade".

 

Tarefa nobre

 

O presidente do Parlamento de Galicia agradeceu o traballo de toda a comunidade educativa e do persoal docente, “entregados en corpo e alma a unha das tarefas máis nobres que pode acometer un ser humano: construír un futuro mellor a través da educación".

 

 

 

 

Saúdos, Gabinete de Comunicación.​



Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina