saltar ao contido

A Mesa da Deputación Permanente adopta os acordos relacionados coa disolución do Parlamento de Galicia

 

 

  • O Parlamento de Galicia non aboará indemnización compensatoria aos deputados que perderon esa condición coa disolución da Cámara

 

Santiago, 27 de decembro de 2023.- A Mesa da Deputación Permanente do Parlamento de Galicia adoptou, nunha reunión celebrada este mediodía, os acordos organizativos derivados da disolución da Cámara e a convocatoria de Eleccións, ademais de tomar coñecemento da composición actualizada da Deputación Permanente (https://www.parlamentodegalicia.es/Composicion/Organos/1100004/deputacion-permanente).

 

A Mesa da Deputación Permanente declarou caducados todos os asuntos pendentes de exame e resolución pola Cámara coas seguintes excepcións:

 

a) Aqueles que, estatutariamente e regulamentariamente, lles corresponde coñecer á Deputación Permanente.

 

b) As peticións individuais ou colectivas que os cidadáns teñan presentado ante o Parlamento.

 

c) As proposicións de lei de iniciativa lexislativa popular que se atopan pendentes:

 

  • Proposición de lei de iniciativa popular para o recoñecemento e a protección das actividades pesqueiras e marisqueiras (doc. núm. 55197, 11/PPLI-000007).

 

d) Os informes dos órganos pendentes de tramitación e singularmente:

 

  • A Memoria do Consello de Contas de 2022 (doc. núm. 56574; 11/MCON-000004.)

 

  • Os informes de fiscalización que acompañan a Memoria do Consello de Contas (doc. núm. 56574; 11/ICON-000015).

 

  • Dación en conta ante a comisión do estado de execución do orzamento (docs. núms. 60098, 20.09.2023, 11/ESEX-000013; e 63640, 19.12.2023; 11/ESEX-000014).

 

e) Os procedementos de control do principio de subsidiariedade nos proxectos lexislativos da Unión Europea.

 

Desde a entrada en vigor do decreto de disolución do Parlamento, os titulares e suplentes da Deputación Permanente prorrogan as súas funcións ata a constitución do novo Parlamento.

 

Os restantes deputados e deputadas perden esa condición. O Parlamento de Galicia non aboará indemnización compensatoria por mor da disolución da Cámara. Aos que foron deputados e deputadas durante a XI Lexislatura e non sexan titulares ou suplentes da Deputación Permanente, a Cámara aboaralles as cotas correspondentes á cotización ata o 31 de decembro de 2023, como máximo, para posibilitar a súa reincorporación ao seu posto público ou á súa actividade laboral ou profesional. En todo caso, só se cotizará ata o día anterior ao indicado por cada deputado ou deputada como data efectiva da súa reincorporación.

 

Os deputados e deputadas que non forman parte da Deputación Permanente poderán adquirir os ordenadores portátiles que viñan utilizando ou devolver ese material á Cámara. Non terán que devolver os teléfonos móbiles, dado que pola súa antigüidade carecen de valor no mercado, e tamén para garantir a protección dos datos de carácter persoal que podan figurar nos dispositivos.

 

Saúdos, Gabinete de Comunicación.


Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina