saltar ao contido

Santalices felicita a Antonio Piñeiro, “xornalista de raza e experimentado xestor cultural" galardoado co Premio de Xornalismo Literario Carlos Casares 2023

  • O presidente do Parlamento participou, en Xinzo, na entrega do Premio, onde reivindicou máis tempo para a conversa sosegada, reducindo a atención ás redes

 

Santiago, 22 de decembro de 2023.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, participou esta noite en Xinzo de Limia no acto de entrega do Premio de Xornalismo Literario Carlos Casares 2023 ao xornalista Antonio Piñeiro Feijóo, “xornalista de raza, histórico correspondente de La Región nestas terras e experimentado xestor cultural no Concello de Celanova".

 

Santalices amosouse agradecido por poder tomar parte na entrega dun galardón que “honra a memoria dun limiao ilustre, Carlos Casares, un dos grandes nomes da literatura e da cultura galega de todos os tempos", que ademais foi un dos primeiros deputados do Parlamento de Galicia.

 

Traballo entusiasta

 

E satisfeito tamén porque o Premio Carlos Casares distinga nesta edición a un profesional polifacético como Antonio Piñeiro. “Que a Casa dos Poetas traspase fronteiras ou que o premio homónimo se teña convertido nun dos máis prestixiosos e prestixiados de Galicia non é casualidade, senón froito do traballo entusiasta de persoas comprometidas como Antonio Piñeiro", afirmou Santalices, quen recordou tamén o apoio do galardoado a “iniciativas diversas na procura dun maior achegamento —sempre necesario—  ao mundo lusófono, que nestas terras sentimos como parte de nós, como unha prolongación natural de Galicia".

 

Máis conversa e menos redes

 

Recentemente, Antonio Piñeiro reivindicaba a importancia do contacto coas persoas para o exercicio do xornalismo. Ao fío desta reflexión, o presidente do Parlamento apuntou que “os avances tecnolóxicos son sempre benvidos, pero, tanto no xornalismo como na vida en xeral, quizais deberiamos dedicarlle menos tempo ás redes e máis á conversa sosegada cos nosos interlocutores.  Sería bo para a nosa saúde mental e tamén para enriquecermos a bagaxe persoal e profesional de cada un de nós".

 

Santalices concluíu felicitando ao premiado, polos seus méritos, e polo propio galardón, “porque nada hai máis grande para calquera persoa que ser profeta na súa terra".

 

 

 

 

 

Saúdos, Gabinete de Comunicación.


Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina