3.2 62326 (11/PNP-005058)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Balseiro Orol, José Manuel e 6 máis
Sobre a demanda que a Xunta de Galicia debe dirixir ao Goberno central co obxecto de que non permita a suba das peaxes das autoestradas AP-9 e AP-53
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 599, do 22.11.2023
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a demandar do Goberno de España que non permita a suba das peaxes das autoestradas AP-9 e AP-53, seguindo o exemplo do acordado polo Goberno galego en relación coa conxelación das peaxes nas estradas autonómicas, e evitar así a súa incidencia negativa nas economías familiares e en sectores económicos estratéxicos nun contexto de elevada suba de prezos".
3.4 62835 (11/PNP-005117)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Pérez Fernández, Rosana e 2 máis
Sobre as medidas que debe tomar a Xunta en defensa da pesca artesanal e aquelas que debe demandar ao Goberno central co fin de que negocie ante a Comisión Europea unha adaptación do novo Regulamento de control da pesca á realidade do sector en Galicia
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 607, do 05.12.2023
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento de Galicia insta o Goberno galego a:
. Demandar do Goberno do Estado español a negociación coa Comisión Europea da adaptación das medidas recollidas no Regulamento de Control á frota galega, nomeadamente:
1- A exclusión da frota artesanal do mesmo.
2- A busca de solucións que faciliten a regularización da frota pesqueira galega respecto da potencia dos motores das embarcacións e que eviten a expulsión de buques do mar.
3- A eliminación da retroactividade nas sancións que impediría ter acceso ás axudas FEMPA.
. Esixir do Goberno do Estado todas as actuacións necesarias para a
modificación da definición de frota artesanal recollida na PPC.
. Exercer as súas propias competencias en augas interiores e aplicar as normas de control propias".
3.6 62881 (11/PNP-005124)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Pazos Couñago, José Alberto
Sobre a proposta de resolución que se presenta en defensa dos valores da Constitución española con motivo do cumprimento do seu cuadraxésimo quinto aniversario
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 607, do 05.12.2023
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento de Galicia manifesta, ao cumprirse o 45º aniversario da Constitución Española, o seu compromiso e apoio á plena vixencia da nosa Carta Magna e do Estatuto de Autonomía de Galicia e, polo tanto, o seu rexeitamento a calquera iniciativa que promova a ruptura do marco de convivencia democrática e de igualdade que nos demos os españois e os galegos -garantía do autogoberno de Galicia- ou que cuestione a continuidade da Monarquía Parlamentaria".
Saúdos, Gabinete de Comunicación.