saltar ao contido

Santalices estreita relacións institucionais con diferentes entidades do Uruguai, como o alcalde de Punta del Este, fillo de galego

  • Trasladou unha mensaxe de afecto e recoñecemento aos residentes no Fogar Español de Anciáns de Montevideo “logo dunha vida de traballo na que contribuíron ao engrandecemento do pais de adopción e consolidaron a imaxe dos galegos como un pobo nobre e traballador"

 

 

Santiago, 12 de decembro de 2023.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, visita Uruguai este xoves, onde está a desenvolver unha axenda centrada en estreitar as relacións institucionais con diferentes entidades do país.

 

Santalices reunise co alcalde de Punta del Este, Javier Carballal, fillo dun emigrante oriúndo de Muras (Lugo), que resultou elixido por maioría absoluta en 2020. O alcalde dun dos principais polos turísticos da rexión é tamén unha das persoas máis activas nas sociedades galegas e españolas do Uruguai.

 

Durante a reunión celebrada este mediodía, Santalices e Carballal intercambiaron experiencias de xestión e coincidiron na importancia de contar con sistemas institucionais sólidos que inspiren confianza e desprendan garantías xurídicas plenas como alicerces do desenvolvemento de calquera territorio. Posteriormente, Santalices mantivo un encontro co presidente da Junta Departamental de Maldonado, Alexander Infante.

 

O presidente do Parlamento de Galicia iniciou a súa visita a Uruguai cunha reunión con directivos e asociados do Centro Pontevedrés Social e Deportivo de Montevideo.

 

Esta mañá, antes de desprazarse a Punta del Este, Santalices visitou o Fogar  Español de Anciáns de Montevideo, onde trasladou unha mensaxe de “afecto e agradecemento" aos residentes “logo dunha vida de traballo na que contribuíron ao engrandecemento do país de adopción e consolidaron a imaxe dos galegos como un pobo nobre e traballador".

 

Xa esta tarde, Santalices manterá unha reunión de traballo co embaixador de España na República Oriental do Uruguai e visitará o Centro Ourensán de Montevideo.

 

Nas diferentes actividades, o presidente do Parlamento está acompañado pola delegada da Xunta de Galicia en Montevideo, María Elvira Domínguez Alonso, e polo historiador Ramón Villares, comisario da exposición sobre a historia do Parlamento de Galicia.

 

Exposición en Montevideo

 

A exposición “El poder de la palabra. Un recorrido por la historia del Parlamento de Galicia" será inaugurada mañá venres na sede do Poder Lexislativo do Uruguai. A mostra incorpora os mesmos contidos que a que quedou aberta ao público no Centro Galicia de Buenos Aires o pasado martes.

 

Con esta iniciativa, o Parlamento de Galicia procura un dobre obxectivo: recoñecer a contribución da Galicia exterior ao proceso de creación e consolidación da autonomía, e tamén reforzar o coñecemento do modelo autonómico galego en dous países con elevada presenza de emigrantes galegos.

 

 

 

 

Saúdos, Gabinete de Comunicación.


Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina