A Comisión 5ª, Sanidade, Política Social e Emprego, na súa sesión do 14 de decembro de 2023, adoptou os seguintes acordos:
Procedementos de control e impulso
Proposicións non de lei en Comisión
Aprobación sen modificacións
- 59199 (11/PNC-004947)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Amigo Díaz, María Encarnación e 6 máis
Sobre determinadas medidas que debe impulsar a Xunta de Galicia destinadas a afrontar as dificultades para cubrir prazas das especialidades de pediatría e de medicina de familia
BOPG n.º 565, do 20.09.2023
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións por 7 votos a favor, 3 votos en contra e 2 abstencións.
O texto aprobado é o seguinte:
"O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a consolidar as medidas de flexibilización das condicións de contratación non ámbito da asistencia pediátrica para permitir a prestación de parte do servizo en centros distintos ao fixado como principal, facilitando compaxinar a actividade diaria en atención primaria ou nun hospital comarcal co desempeño doutras actividades clínicas no hospital xeral da súa área sanitaria".
- 62135 (11/PNC-005219)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Amigo Díaz, María Encarnación e 6 máis
Sobre as accións que debe impulsar a Xunta de Galicia para seguir reforzando a atención sanitaria domiciliaria
BOPG n.º 595, do 15.11.2023
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións por 9 votos a favor, 0 votos en contra e 3 abstencións.
O texto aprobado é o seguinte:
"O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a:
1.- Elaborar unha estratexia de atención domiciliaria que reforce o modelo de atención no domicilio no ámbito da atención primaria.
2.- Seguir empregando a asistencia prestada polos equipos de soporte de atención domiciliaria (ESAD), tendo en conta os resultados obtidos por cada un deles, como recurso asistencial de apoio do Sergas para a mellora da prestación de atención sanitaria no domicilio."
Aprobación con modificacións
- 36196 (11/PNC-003342)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Torrado Quintela, Julio e Ortega Otero, Marina
Sobre as medidas que debe tomar o Goberno galego para implementar máis servizos de atención bucodental no Servizo Galego de Saúde
BOPG n.º 338, do 29.06.2022
Sométese a votación separada por guións e resultan aprobados os guións 1, 2 e 4 pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes, e rexeitado o punto 3, por 5 votos a favor,7 votos en contra e 0 abstencións.
O texto aprobado é o seguinte:
"O Parlamento de Galicia insta ao goberno de Galicia a:
- Implementar, coa maior brevidade, os servizos de atención bucodental nos estándares e posibilidades aprobados na xuntanza do Consello Interterritorial, dotando para elo aos servizos necesarios do Sergas dos recursos axeitados.
- Apoiar as iniciativas derivadas dos acordos do Consello Interterritorial no Sistema Nacional de Saúde para impulsar os máximos estándares posibles en atención bucodental no Sergas.
- Realizar un esforzo na difusión e coñecemento entre a poboación dos servizos de saúde bucodental que presta o sistema público de saúde".
- 62714 (11/PNC-005287)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Prado Cores, María Montserrat e 2 máis
Sobre as medidas que debe adoptar a Xunta de Galicia ante o conflito laboral xurdido na empresa concesionaria do servizo de operación telefónica da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061
BOPG n.º 604, do 29.11.2023
Sométese a votación separada por puntos e resulta aprobado o punto primeiro pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes e rexeitado o punto segundo por 5 votos a favor, 7 votos en contra e 0 abstencións.
O texto aprobado é o seguinte:
"O Parlamento de Galicia insta o Goberno galego a exsixirlle á empresa "Fidelis Servicios Integrales", do grupo Servizo Móvil, concesionaria de prestación do servizo de operación telefónica do 061, o cumprimento do convenio de centros de chamadas, en especial o seu artigo 25".
Aprobación por unanimidade con modificacións
- 57119 (11/PNC-004794)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Fernández Davila, María Cristina e 2 máis
Sobre as actuacións que debe levar a cabo a Xunta de Galicia respecto da situación da atención sanitaria no Punto de Atención Continuada de Ponteareas e nos centros de saúde da comarca do Condado-Paradanta
BOPG n.º 547, do 21.08.2023
Sométese a votación e resulta aprobada con modificacións respecto do texto orixinal, pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
O texto aprobado é o seguinte:
"O Parlamento de Galicia insta o goberno da Xunta de Galicia a:
1.- Dotar o centro de saúde e o PAC de Ponteareas do persoal facultativo, de enfermaría e persoal non sanitario necesario para substituír as Baixas Laborais, Vacacións e Permisos e así prestar unha atención sanitaria de boa calidade á poboación de Ponteareas e a súa Comarca.
2.- Cubrir as vacantes de persoal por xubilacións, traslados, incapacidades, etc., de maneira que se garanta unha atención estábel e se evite a saturación, a sobrecarga das axendas e ter que acudir ao servizo de urxencias por non dispoñer de médico ou pediatra no centro de saúde dos Concellos.
3.-Cubrir todas as vacantes de persoal sanitario en todos os centros de saúde das comarcas Condado e Paradanta, así como a substitución de aqueles que permanezan de baixa laboral ou permisos e vacacións regulamentarias, para non ter que desprazar ás persoas doentes a outros concellos ou ao PAC de Ponteareas ou da Caniza, se non é unha cuestión estritamente urxente. Así como as substitucións dos profesionais dos propios PAC".
Aprobación por unanimidade sen modificacións
- 62211 (11/PNC-005230)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Ortega Otero, Marina e Torrado Quintela, Julio
Sobre a demanda á Xunta de Galicia da cobertura inmediata de dúas prazas de pediatras no Centro de Saúde do Carballiño
BOPG n.º 599, do 22.11.2023
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
O texto aprobado é o seguinte:
"O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a que, a través da Consellería de Sanidade, cubran as dúas prazas de pediatría do centro de saúde do Carballiño de inmediato".