saltar ao contido

Buenos Aires acolle unha exposición sobre a historia do Parlamento de Galicia

  • A mostra foi inaugurada polo presidente do Parlamento nas dependencias do Centro Galicia da cidade que desde antano é considerada a “quinta provincia galega"

 

  • “A historia de Galicia non pode nin debe entenderse sen a emigración, sen a contribución da Galicia de ultramar ao proceso de construción da autonomía galega", afirma Santalices

     
  • A autonomía galega constitúe “a etapa de maior crecemento, estabilidade e progreso de toda a nosa historia"

     
  • Mentres a Galicia de antano era terra de emigración, “hoxe é unha terra aberta ao retorno dos descendentes que opten polo camiño inverso"

 

Santiago, 12 de decembro de 2023.- O Centro Galicia de Buenos Aires acolle desde esta tarde (noite en Galicia)  a exposición “El poder de la palabra. Un recorrido por la historia del Parlamento de Galicia", unha mostra inicialmente concibida para conmemorar as primeiras catro décadas da autonomía galega, e que agora chega á que desde antano é considerada a “quinta provincia galega".

 

A mostra foi inaugurada polo presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, acompañado polo comisario da exposición, o catedrático  emérito de Historia Contemporánea e ex reitor da Universidade de Santiago, Ramón Villares. Tamén participou o presidente do Centro Galicia, Jesús Mosquera; a embaixadora de España en Arxentina, María Jesús Alonso; o cónsul xeral de España, Fernando García Casas; o conselleiro cultural da Embaixada, Roberto Varela; e o delegado da Xunta en Buenos Aires, Alejandro López Dobarro; ademais dunha numerosa representación da colonia galega e das diferentes entidades e centros que a agrupan.

 

Na súa intervención, Santalices Vieira explicou que levar esta exposición a Buenos Aires é unha obriga para o Lexislativo galego. Buenos Aires foi, “de facto, durante moito tempo, a capital cultural de Galicia". Ademais, agregou, “a historia de Galicia non pode nin debe entenderse sen a emigración, sen o exilio, sen o alento e sen a contribución da Galicia da ultramar ao proceso de construción da autonomía galega".

 

Esta exposición, “amena, didáctica e rigorosa", en palabras de Santalices, xurdiu para facer memoria das catro primeiras décadas de autonomía galega, “a etapa de maior crecemento, estabilidade e progreso de toda a nosa historia".

 

O titular da Cámara galega recordou que canda a exposición que agora se abre na capital arxentina se editou un extenso volume, coordinado tamén por Ramón Vilares, no que académicos das tres universidades galegas analizan a evolución da Comunidade Autónoma nas últimas catro décadas. O libro está publicado na web do Parlamento de Galicia e pode descargarse de balde.

 

Democracia, autonomía e integración europea

 

Décadas despois da chegada masiva de emigrantes galegos á Arxentina, “aquela Galicia atrasada, na que calquera aspiración a unha vida mellor pasaba, case inescusablemente, pola emigración, quedou atrás para sempre". Tres factores explican, segundo Santalices, ese avance: a democracia, a autonomía e a integración en Europa.

 

Mentres que a Galicia de antano era terra de emigración, “hoxe é unha terra aberta ao retorno dos descendentes que opten polo camiño inverso".

 

Este cambio de paradigma garda relación, segundo explicou o presidente do Parlamento, coas “novas oportunidades que foron xurdindo da man da autonomía que Galicia xestiona con prudencia e con rigor desde hai máis de 40 anos, máis de catro décadas das que facemos memoria nesta mostra que recala en Buenos Aires".

 

A exposición está integrada por 24 paneis, un vídeo divulgativo e 17 vitrinas con documentación histórica e bibliografía relacionada co proceso de configuración da autonomía de Galicia.  Unha copia desta mostra será inaugurada o venres 15 de decembro en Montevideo, na sede do Poder Lexislativo da República Oriental do Uruguai.

 

Saúdos, Gabinete de Comunicación.​



Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina