saltar ao contido

O presidente do Parlamento de Galicia recoñece o labor asistencial da obra social Ospaña

  • Recorda que a cobertura sanitaria de Ospaña resulta vital para moitos integrantes da colonia galega, logo da crise do Hospital Español e do Centro Galego de Buenos Aires

 

 

Santiago, 11 de decembro de 2023.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira visitou este luns en Buenos Aires a obra social Ospaña, unha iniciativa xurdida para ofrecer asistencia sanitaria aos emigrantes españois na Arxentina e os seus descendentes, moitos deles pensionistas non contributivos de orixe galega.

 

Santalices recoñeceu e agradeceu o labor asistencial que presta Ospaña, fundada no ano 2007 e que na actualidade conta con 80.000 asociados. A cobertura sanitaria que ofrece Ospaña resultou vital nos últimos anos para moitos integrantes da colonia galega, logo da crise que atravesaron institucións como o Hospital Español ou o Centro Galego de Buenos Aires.

 

O presidente do Parlamento de Galicia participará esta noite (madrugada en Galicia) nun encontro coa embaixadora de España na Arxentina, Maria Jesús Alonso. A embaixadora tamén asistirá mañá á inauguración da exposición “El poder de la palabra. Un recorrido por la historia del Parlamento de Galicia", mostra comisariada polo catedrático emérito da USC, Ramón Villares. Unha réplica da exposición quedará aberta ao público o vindeiro venres en Montevideo.

 

A última hora de onte, Santalices visitou o Centro Gallego de Avellaneda, onde mantivo un encontro con socios e directivos desta entidade, que preside  Fidel Lema Roget.

 

 

Saúdos, Gabinete de Comunicación.​



Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina