4.3 61895 (11/PNP-005013)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Egerique Mosquera, Teresa e 6 máis
Sobre as medidas que a Xunta de Galicia debe demandar ao Goberno central referidas ao apoio ás empresas do sector de transformación da pesca
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 595, do 15.11.2023
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno de España para que adopte as seguintes medidas, necesarias para que as empresas de transformación de peixe melloren a súa liquidez e poidan manter á actividade e os postos de traballo:
1.- Activando un PERTE para o sector.
2.- Rebaixando o IVE dos produtos do mar.
3.- Intercedendo ante a UE para que intensifique os controis ante a ameaza de terceiros países".
4.5 62148 (11/PNP-005038)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Caballero Miguez, Gonzalo e 2 máis
Sobre a demanda ao Goberno galego das accións necesarias para garantir a continuidade da oferta formativa do campus universitario de Lugo
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 599, do 22.11.2023
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a, tras 12 anos, e de xeito consensuado coas tres universidades públicas galegas revisar o Decreto 222/2011, do 2 de decembro, polo que se regulan as ensinanzas universitarias oficiais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, nomeadamente no que se refire a estudantes de novo ingreso, de xeito que se garanta a continuidade dos estudios mencionados, todo elo coa finalidade de xerar confianza na comunidade educativa das facultades do Campus Terra e nos sectores produtivos directamente relacionados coas titulacións existentes no Campus de Lugo.
Deseñar campañas públicas, xunto con outras administracións e coas universidades, encamiñadas a promover vocacións relacionadas cos perfís profesionais que se ofertan no Campus terra e nos demais campus periféricos".
4.6 62378 (11/PNP-005063)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Balseiro Orol, José Manuel e 6 máis
Sobre as demandas que a Xunta de Galicia debe dirixir ao Goberno central en materia de desenvolvemento do transporte ferroviario en Galicia
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 599, do 22.11.2023
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a demandar do Goberno de España:
1º- Dotar a Galicia, con carácter de urxencia, de como mínimo sete trens Avril que fagan posible a chegada da alta velocidade ás cidades que xa pode recibila: Santiago, A Coruña, Pontevedra e Vigo.
2º- Impulsar, coas consignacións orzamentarias suficientes, a mellora das
infraestruturas ferroviarias que permitan, no menor tempo posible, a conexión coa alta velocidade de Lugo para o que é imprescindible que o Goberno de España execute as variantes ferroviarias dos Peares e Rubián, e de Ferrol, para o que necesaria unha planificación completa de actuacións e a urxente execución do bay-pass de Betanzos que leva anos paralizado.
3º- Facer unha aposta real e decidida pola conexión por AVE con Portugal, coas consignacións orzamentarias suficientes para desenvolver a saída Sur de Vigo, o treito ferroviario ata a fronteira lusa e unha nova conexión internacional sobre o Miño con Portugal.
4º- Que todas estas iniciativas se desenvolvan sen desatender os servizos
ferroviarios convencionais, para o que é imprescindible recuperar as frecuencias suprimidas tras as pandemia, investir na modernización das instalacións, dos trens e dos equipos rodantes, ampliar a oferta de prazas e contar co persoal cualificado necesario.
5.- Impulsar a mellora da infraestrutura, do material rodante e dos servizos na liña de ancho métrico entre Ferrol e Ribadeo.
6.- Levar a cabo un programa de investimentos para a mellora da liña e do servizo entre Vigo e Ourense polo Miño.
7.- Levar a cabo un plan de investimentos para a mellora da liña entre Lugo e Coruña.
8.- Levar a cabo un plan de investimentos e de mellora do servizo na liña Ourense-Ponferrada.
9.- Impulsar os estudos necesarios para a creación do servizo ferroviario de proximidade nas áreas urbanas de maior concentración de poboación e de maior demanda de mobilidade por tren.
10.- Dotar a Galicia dos recursos humanos e das infraestruturas de mantemento, conservación e reparación do material rodante que garantan unha axeitada prestación dos servizos de transporte ferroviario".
Saúdos, Gabinete de Comunicación.