saltar ao contido

Declaración institucional: Día Mundial da Infancia 2023

Declaración institucional: Día Mundial da Infancia 2023

 

 

Cando se cumpren 34 anos da aprobación na Asemblea Xeral da ONU da Convención sobre os Dereitos do Neno, UNICEF Comité Galicia e a Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia animan a conmemorar a celebración do Día Mundial da Infancia destacando os logros acadados, mais tamén lembrando que quedan grandes retos locais e globais que debemos abordar, que nos interpelan a nivel autonómico e local, para que os dereitos da infancia sexan unha realidade.

 

Atopámonos no ecuador da aplicación da Axenda 2030, e é un momento clave para facérmonos unha pregunta crítica: Canto nos falta para facermos realidade a visión dun mundo sustentable para todos?

 

Desde unha visión global e máis próxima, non se pode mirar cara a outro lado en cuestións como: as cifras de pobreza infantil, os problemas de saúde mental e o fenómeno do acoso e do ciberacoso na sociedade actual.

 

De igual maneira, non nos poden ser alleos datos como que un de cada tres nenos do mundo  carece de acceso a servizos básicos e que un de cada seis vive nunha zona de conflito. Ademais, case a metade da poboación infantil e adolescente vive en países moi expostos aos efectos adversos do cambio climático.

 

Nunha ollada máis próxima, o indicador AROPE sinala que un de cada catro nenos, nenas e adolescentes que viven en Galicia está en risco de pobreza ou exclusión social. Dentro deles, un dos colectivos infantís en situación de maior vulnerabilidade en Galicia son os preto de 2.300 nenos, nenas e adolescentes que están no Sistema de Protección da Xunta, sistema que xorde da obriga que teñen os poderes públicos de protexeren a infancia, apoiaren, acompañaren e complementaren, se for necesario, a  pais e nais nas súas responsabilidades de crianza.

 

 

Con motivo do Día Mundial da Infancia, debemos tomar decisións firmes para garantir que, con independencia do lugar onde viva e de cal sexa a súa situación socioeconómica, ningún neno e ningunha nena quede atrás, e que cada un deles poida desenvolver o seu máximo potencial. É por iso polo que nos comprometemos a promover as seguintes accións que favorezan o cumprimento dos seus dereitos:

 

•       Promover  un maior e máis eficiente investimento na infancia, avanzando na coordinación e avaliación das políticas e programas e garantindo a dotación adecuada de recursos.

 

•       Seguir impulsando políticas e accións protectoras priorizando a preservación familiar, para que as nenas, nenos e adolescentes vexan recoñecido o seu dereito a viviren nunha familia, sendo a primeira opción a da súa orixe.

 

•       Apostar polo acollemento familiar como medida fundamental de protección cando non for posible a preservación familiar por non  se daren as condicións necesarias, especialmente nos nenos e nenas menores de 6 anos, evitando a súa institucionalización.

 

•       Intensificar os medios e recursos de que dispoñen os organismos públicos e as entidades sociais que velan polo benestar dos nenos, nenas e adolescentes que teñen que medrar sen o abeiro dunha familia.

 

•       Escoitar as preocupacións e necesidades de nenos, nenas e adolescentes, e abordalas dunha maneira transversal na acción política.

 

•       Ter en conta en todas as decisións tomadas no seo deste Parlamento, os principios reitores da Convención sobre os Dereitos do Neno (CDN, 1989) cun enfoque especial nos colectivos máis vulnerables. Dentro delas:

 

 

 

 

 

o       Impulsar recursos de calidade e especializados, así como medidas para garantir a promoción, a prevención e a atención á saúde mental da infancia e adolescencia.

 

o       Impulsar medidas económicas de apoio á crianza.

 

o       Impulsar políticas de reforzo educativo que garantan o acceso equitativo e efectivo a unha educación de calidade.

 

o       Promover a protección da infancia ante todo tipo de violencia: priorizando medidas preventivas e impulsando mecanismos para lograr contornas protectoras, con recursos suficientes e dun enfoque multidisciplinar.

 

o       Potenciar medidas que melloren o benestar dos nenos, nenas e adolescentes do Sistema de Protección.

 

o       Impulsar medidas para asegurar o dereito a un medio ambiente san para a infancia.

 

 

•       Finalmente, reafirmar o compromiso para despregar accións e conseguir resultados en favor da infancia nun mundo con retos interrelacionados, fortalecendo a Cooperación Internacional para o Desenvolvemento e prestando especial atención ás situacións de emerxencia.

 

 

 

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2023​



Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina