saltar ao contido

Santalices agradece o traballo da Federación Galega de Dano Cerebral e traslada o compromiso da Cámara respecto á realidade do colectivo

  • Santalices agradece o traballo da Federación Galega de Dano Cerebral e traslada o compromiso da Cámara respecto á realidade do colectivoO Parlamento de Galicia acolleu un acto institucional conmemorativo do Día Nacional do Dano Cerebral Adquirido, que se celebra cada 26 de outubro

 

Santiago, 25 de outubro de 2023 - O Parlamento de Galicia acolleu este mércores, antes do inicio do Pleno, un acto institucional conmemorativo do Día Nacional do Dano Cerebral Adquirido que se celebra cada 26 de outubro. Foi organizado coa colaboración da Federación Galega de Dano Cerebral Adquirido (FEGADACE).

 

O presidente da Cámara, Miguel Ángel Santalices Vieira, recordou que que o Parlamento de Galicia é a casa de todas e todos os galegos, e moi especialmente de aquelas persoas en situacións ou con necesidades especiais e que, ademais, o Parlamento síntese e está especialmente sensibilizado respecto a estas realidades. Trasladou o “compromiso" da totalidade da Cámara neste sentido.

 

Santalices puxo en valor o traballo que desenvolve a Federación Galega de Dano Cerebral e as cinco asociacións que a integran: ADACECO (A Coruña), ADACE Lugo, Alento (Vigo), Renacer (Ourense), e Sarela (Santiago de Compostela). “A todos, agradecemento infinito polo seu traballo, que contribúe a mellorar a vida de moitas persoas e de moitas familias", subliñou.

 

O presidente do Parlamento subliñou tamén a importancia do labor que desenvolven as diferentes unidades de ictus dos hospitais, que traballan desde un enfoque multidisciplinar, e resultan “fundamentais" para evitar as secuelas desta patoloxía.

 

O dano cerebral adquirido é a discapacidade resultante dunha lesión no cerebro causada, na maioría dos casos, por un ictus ou un traumatismo cranioencefálico. Afecta a unhas 35.000 persoas en Galicia, segundo datos de FEGADACE. Co dano cerebral adquirido perde sentido falar de discapacidade física, psíquica ou sensorial: son moitas secuelas ao mesmo tempo, e preséntanse en diferentes graos e intensidades segundo a persoa.

 

O acto contou coa participación de representantes da Federación Galega de Dano Cerebral Adquirido, que leron un manifesto, a valedora do Pobo, as integrantes da Mesa do Parlamento de Galicia, os portavoces dos grupos parlamentarios Popular de Galicia e dos socialistas de Galicia, deputadas e deputados, así como a conselleira de Política Social e o conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia.

 

Saúdos, Gabinete de Comunicación.


Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina