Santalices pide un gran pacto social para a defensa dos principios democráticos e constitucionais
Santiago, 19 de outubro de 2023 - O titular do lexislativo galego, Miguel Ángel Santalices Vieira, participou este mediodía como convidado dunha Tribuna do Círculo de Empresarios de Galicia, en Vigo, onde disertou sobre “Parlamento e democracia, un binomio indisoluble".
Santalices subliñou o “papel determinante do empresariado nunha economía libre como a nosa" e nunha sociedade que rexistrou avances en todos os ámbitos, nomeadamente en calidade de vida e servizos públicos de vangarda.
Para o conferenciante, estes avances son “consecuencia da confluencia de realidades diversas como a consolidación da democracia, o desenvolvemento da autonomía, a integración europea e a creación de riqueza no conxunto do país froito do esforzo de todos tamén, moi especialmente, de traballadores e empresarios".
Aludindo ao titulo do seu relatorio, Santalices amosouse convencido de que “non é posible un parlamento sen democracia, nin tampouco unha democracia sen parlamento". Ao seu xuízo, “Parlamento e democracia constitúen un elemento indisoluble. Cando algún deles falla, o edificio acábase derruíndo polo seu propio peso, sen remedio".
A tecnoloxía como aliada dos parlamentos
Referiuse tamén á denominada crise do parlamentarismo e a algúns dos seus retos, como a crecente dificultade para facer visible o traballo das cámaras lexislativas. Fronte a esta realidade, “a tecnoloxía converteuse nun aliado para divulgar o labor das institucións". As redes sociais, as páxinas web e os servizos de streaming ofrecen unha oportunidade para divulgar a actividade parlamentaria.
Outra das apostas da Cámara galega pasa por reforzar a súa presencia social a través de diferentes iniciativas, como unha programación cultural propia, “que nos outorga visibilidade en ámbitos outrora inexplorados (arte, literatura, divulgación histórica) e contribúe a un mellor coñecemento dos valores que nos identifican como pobo".
Paralelamente, as diferentes modalidades de visitas guiadas á sede do Parlamento -orientadas tanto ao estudantado como ao conxunto da poboación- funcionan satisfactoriamente, ata o punto de que no período comprendido entre setembro de 2022 a xuño de 2023 contaron coa participación de máis de 12.000 persoas, superado as cifras prepandemia.
Recordou o presidente da Cámara lexislativa que “en Galicia temos o privilexio de vivir nunha comunidade bilingüe, con dúas linguas oficiais. E síntome especialmente orgulloso de que o Parlamento de Galicia sexa o único que, tendo dúas linguas oficiais, utilice só o galego nos debates, porque así o consideramos as deputadas e deputados, sen imposicións nin reproche algún por parte de ninguén".
O titular do Lexislativo galego apuntou que “como empresarios, vostedes saben mellor que ninguén a importancia da seguridade xurídica para garantir a estabilidade e alentar a prosperidade de calquera territorio. Blindar a seguridade xurídica é, e debería selo sempre, o principal obxectivo de calquera parlamento, polo menos así o consideramos desde o Parlamento de Galicia". Nesta liña, apuntou que “atender os problemas reais da xente, en lugar de crear polémicas estériles ou desviar a atención con cuestións colaterais" é unha obriga para calquera Parlamento.
Santalices Vieira subliñou tamén a “arraigada vocación de consenso" da Cámara galega, mérito de todos os grupos políticos que a integran".
Apuntou, como exemplo, que no primeiro período de sesións deste ano aprobáronse por unanimidade 17 proposicións non de lei en Pleno e 56 proposicións non de lei en Comisión. “Son exemplos de consenso nos que non sempre reparamos, pero que están aí. Pouco o nada que ver, por tanto, no que con frecuencia vemos noutros hemiciclos", agregou Santalices.
Recordou tamén a aprobación, por unanimidade, o pasado 28 de xullo, da Lei do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, froito tamén dunha proposta conxunta dos tres grupos con representación parlamentaria.
Defensa dos principios democráticos e constitucionais
Parafraseando ao politólogo Francis Fukuyama, o presidente do Parlamento de Galicia enfatizou a “importancia fundamental da igualdade dos dereitos individuais, a lei e a liberdade, esencias, todas elas, das denominadas democracias liberais, como a nosa e como todas as europeas".
Para o presidente do Parlamento de Galicia "cómpre un gran pacto social para recuperar e poñer en valor os principios democráticos e constitucionais que tantos e tan bos resultados nos teñen brindado nas últimas catro décadas, en España e en Galicia".
O Parlamento, epicentro do desenvolvemento autonómico
Santalices Vieira reivindicou tamén o resultados das catro décadas de autonomía de Galicia. Ao longos dos últimos 42 anos, “co Parlamento como epicentro, Galicia foise dotando dun marco normativo propio e un conxunto de institucións que nos converten nun dos territorios con maior autonomía política de Europa".
Esta experiencia tradúcese, segundo conferenciante, nunha “autonomía modélica, polos resultados da súa xestión; e tamén pola exquisita lealdade institucional coa que exercemos o autogoberno, lonxe da confrontación propia doutras latitudes".
O presidente do Parlamento de Galicia concluíu a súa intervención reivindicando a recuperación do sentido da moderación, individual e colectiva, como unha das claves para a supervivencia das democracias. “Poñer en valor e actuar sempre con sentidiño, como facemos en Galicia. Porque, como todos sabemos, Galicia sempre foi e vai por diante. Insisto: moderación e sentidiño", insistiu.
Saúdos, Gabinete de Comunicación.