saltar ao contido

Declaración institucional con motivo do Día do cancro de mama

​​Segundo os datos do Rexistro Galego de Tumores, no ano 2021 en Galicia fixéronse 1.767 diagnósticos de cancro de mama en mulleres. O de mama foi o cancro máis detectado en Galicia entre as mulleres, supoñendo o 26% dos diagnósticos oncolóxicos entre elas.

 

Porén, estes mesmos datos certifican que o índice de supervivencia a 5 anos por este cancro no período 2015-2019 foi dun 90,9%, converténdoo nun dos tres tipos de tumores cuxo índice de supervivencia superou a cifra do 90% entre as mulleres.

 

Por todo iso, o Parlamento de Galicia, consciente da dimensión do problema de saúde que este tipo de cancro significa pero consciente tamén das súas posibilidades de solución, quere transmitir a todas as mulleres que sofren esta enfermidade todo o seu apoio e todo o seu ánimo de buscar, desde as institucións, todos os recursos para afrontar este problema desde o punto de vista sanitario e social.

 

Así, apostamos:

 

•       pola promoción de estilos de vida e contornas saudables que reduzan os riscos de desenvolver este cancro ou da súa recorrencia;

•       pola ampliación e extensión dos programas de cribado e a difusión e concienciación sobre o seu uso, dados os probados resultados clínicos do seu uso para a detección precoz e máis eficaz combate contra a enfermidade;

•       por unha abordaxe clínica multidisciplinar e coordinada entre as distintas especialidades que abordan estes casos

•       e por unha investigación sanitaria dotada de recursos suficientes pero tamén dunha perspectiva de xénero que dea visibilidade e notoriedade aos problemas de saúde da muller

 

Desde ese compromiso institucional para apoiar todas as iniciativas que supoñan un avance na curación desta enfermidade, o Parlamento de Galicia quere transmitir tamén o seu recoñecemento a todo o persoal sanitario e ás entidades sociais que traballan día a día pola erradicación do cancro de mama e por mellorar as condicións das persoas que o padecen.

 

 

 

Santiago de Compostela, 18-10-2023



Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina