saltar ao contido

O presidente do Parlamento reivindica a superación dos estigmas sociais sobre a saúde mental

  • Santalices pide, nun webinar sobre Saúde mental dos nosos maiores en Galicia, “evitar que se empreguen, fóra de contexto, expresións relacionadas coa saúde mental"

     

Santiago, 4 de outubro de 2023 - O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira participou esta tarde, no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, nun webinar organizado por ASOMEGA (Asociación de Médicos Galegos) sobre Saúde mental dos nosos maiores en Galicia.

 

Nesta xornada, que contou coa participación de expertos do ámbito da saúde mental, o presidente do Parlamento de Galicia subliñou a  funcionalidade do formato webinar, que combina presencialidade con retransmisión en streaming, “para poder chegar a profesionais de todo o mundo", ao abordar un “asunto de máxima actualidade: a saúde mental dos maiores de Galicia".

 

Santalices recordou que  no estado de benestar “a universalización da sanidade xogou e xoga un papel determinante", que conduce á “feliz realidade do envellecemento da poboación, consecuencia do incremento exponencial da esperanza de vida".

 

Para o presidente do Parlamento, “falar de saúde mental é sempre interesante e, por suposto necesario, para superar definitivamente algúns estigmas sociais que aínda hoxe acompañan estas patoloxías".

 

Ademais, reclama, tanto na política como noutros ámbitos, “un especial coidado en evitar que se empreguen, fóra de contexto, expresións relacionadas coa saúde mental". Trátase, na súa opinión, dunha “tarefa colectiva" que está dando e dará os seus froitos “se todos nos esforzamos na mesma dirección".

 

Saúdos, Gabinete de Comunicación.


Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina