saltar ao contido

Acordos da Comisión 8ª, Pesca e Marisqueo, celebrada o 19 de setembro de 2023

 A Comisión 8ª, Pesca e Marisqueo, na súa sesión do 19 de setembro de 2023, adoptou os seguintes acordos:


Procedementos de control e impulso

Proposicións non de lei en Comisión

 

Aprobación por unanimidade sen modificacións

 

- 52574 (11/PNC-004511)

Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego

Pérez Fernández, Rosana e 2 máis

Sobre as actuacións que debe realizar a Xunta de Galicia a respecto do recoñecemento das doenzas profesionais das persoas traballadoras no sector do mar, en Galicia, nomeadamente das mulleres mariscadoras e redeiras

BOPG n.º 483, do 19.04.2023

 

Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.

 

O texto aprobado é o seguinte:

 

"O Parlamento de Galicia insta o Goberno galego a:

 

-Coa colaboración e coordinación das Consellerías de Mar, Sanidade e de Promoción de Emprego e Igualdade, trasladar ao persoal facultativo do Sergas e das mutuas de traballo a relación de enfermidades que están recoñecidas como profesionais no sector do mar e a máxima importancia de tratalas como tales.

 

- Instar o goberno do Estado a comezar, á maior brevidade posíbel, as accións necesarias para dar cumprimento ao recollido na Lei 5/2023, de Pesca Sostíbel e Investigación Pesqueira, no referido á elaboración dun catálogo de enfermidades profesionais das persoas traballadoras do mar.

 

- Levar a cabo unha campaña de información entre os traballadores e traballadoras do mar respecto das enfermidades do sector recoñecidas como profesionais e dos beneficios que supón a súa identificación."

 

- 53866 (11/PNC-004626)

Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia

Otero Rodríguez, Patricia e Torrado Quintela, Julio

Sobre as accións que debe desenvolver a Xunta de Galicia, en coordinación co Goberno de España, para protexer a actividade da pesca galega con artes de fondo ante as políticas que pretende aplicar a Comisión Europea neste ámbito

BOPG n.º 499, do 31.05.2023

 

Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.

 

O texto aprobado é o seguinte:

 

1. O Parlamento de Galicia amosa a súa desconformidade coa proposta da CE sobre un plan de acción para a conservación dos recursos pesqueiros, que introduce actuacións para limitar e prohibir a pesca de arrastre de fondo en áreas mariñas protexidas de forma xenérica, sen considerar que non todas as artes de fondo teñen o mesmo impacto.

 

2. O Parlamento de Galicia, insta a Xunta de Galicia para que xunto co Goberno de España, esixan á CE a que rectifique a desista da súa intención de ampliar a 102 ou 115 (segundo o escenario) as vedas ás artes de fondo, e que previamente a propoñer un novo regulamento realice un traballo científico sólido, rigoroso e actualizado que considere os puntos de vista biolóxico, económico e social da pesca para que permitan adoptar unha decisión con garantías ante un tema de vital transcendencia para o sector pesqueiro galego."

 

- 57159 (11/PNC-004796)

Grupo Parlamentario Popular de Galicia

Egerique Mosquera, Teresa e 6 máis

Sobre as actuacións que debe levar a cabo a Xunta de Galicia para seguir impulsando iniciativas dirixidas a incentivar o consumo de produtos do mar

BOPG n.º 547, do 21.08.2023

 

Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.

 

O texto aprobado é o seguinte:

 

"O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a seguir impulsando iniciativas dirixidas a incentivar o consumo de produtos do mar e, entre outras, desenvolver as seguintes accións:

 

1º Dirixirse ao Goberno de España para que rectifique a súa posición actual e non exclúa aos peixes, mariscos e conservas da rebaixa do IVE que se aplica a outros alimentos básicos.

 

2º Impulsar, a iniciativa propia, campañas de promoción dos produtos do mar dirixidas a diferentes segmentos de poboación, e reclamar do Goberno central esta mesma liña de traballo, para dar a coñecer os beneficios do consumo de peixe na saúde e para o conxunto da economía.

 

3º Poñer en marcha axudas á cadea mar-industria, e nomeadamente un PERTE específico para o sector, para apoiar os esforzos de adaptación dos seus produtos ás demandas da cidadanía e ás novas necesidades do marcado fovorecendo, deste xeito, un sector máis competitivo."




Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina