A Comisión 5ª, Sanidade, Política Social e Emprego, na súa sesión do 14 de setembro de 2023, adoptou os seguintes acordos:
Procedementos de control e impulso
Proposicións non de lei en Comisión
Aprobación por unanimidade con modificacións
- 55273 (11/PNC-004741)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Torrado Quintela, Julio e 2 máis
Sobre determinadas actuacións que debe levar a cabo a Xunta de Galicia orientadas á mellora da área de oncoloxía pediátrica do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela
BOPG n.º 527, do 19.07.2023
- 55346 (11/PNC-004745)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Carreira Pazos, Iria e 2 máis
Sobre as actuacións que debe levar a cabo a Xunta de Galicia no que atinxe á estrutura e condicións do equipo da unidade de oncoloxía pediátrica do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago
BOPG n.º 527, do 19.07.2023
Sométese a votación a transacción conxunta das dúas iniciativas e resultan aprobadas con modificacións respecto do texto orixinal, pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
O texto aprobado é o seguinte:
"O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a:
1. Recoñecer o labor que están a facer os profesionais de oncoloxía pediátrica de Galicia, reforzando a súa estrutura en rede e a capacidade organizativa dentro do conxunto do funcionamento dos centros sanitarios dos que forman parte, contribuíndo así á mellora dun funcionamento integral, homoxéneo e coordinado da Unidade de Oncoloxía Pediátrica de Galicia.
2. Cubrir coa máxima axilidade as vacantes que se poidan xerar por xubilacións ou traslados a través de contratacións co máximo nivel de estabilidade posible.
3. Mellorar a dotación de recursos materiais e humanos do equipo de oncoloxía pediátrica de Santiago de Compostela, para poder fortalecer o seu funcionamento e a súa capacidade asistencial, poñendo especial interese en facilitar a formación continuada e actualizada dos profesionais que forman parte del."
Aprobación por unanimidade sen modificacións
- 57725 (11/PNC-004823)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Díaz Varela, Noa Susana e 2 máis
Sobre a demanda dirixida ao Goberno galego co obxecto de que desautorice o cambio de localización da farmacia de Marrozos, en Santiago de Compostela
BOPG n.º 552, do 30.08.2023
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
O texto aprobado é o seguinte:
"O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia, de acordo co establecido no artigo 41 da Lei 3/2019, do 2 de xullo, a non autorizar o cambio de emprazamento da farmacia de Marrozos coa fin de non prexudicar gravemente o servizo farmacéutico nesa zona."
- 58176 (11/PNC-004862)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Prado del Río, Paula e 7 máis
Sobre a demanda á Xunta de Galicia para que se dirixa ao Goberno do Estado co obxecto de que impulse a aprobación dunha lei orgánica contra a trata de seres humanos con fins de explotación sexual
BOPG n.º 552, do 30.08.2023
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
O texto aprobado é o seguinte:
"O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno do Estado para que dea cumprimento á medida 257 do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, que establece o impulso e aprobación dunha Lei Orgánica contra a Trata de seres humanos con fins de explotación sexual."