3.4 54015 (11/MOC-000163)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Rivas Cruz, Xosé Luís
Sobre o abandono de explotacións agrarias. (Moción consecuencia da
Interpelación doc. núm. 49972, publicada no BOPG núm. 458, do 22 de
febreiro de 2023, e debatida na sesión plenaria do 30 de maio de 2023)
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a que adopte as seguintes medidas a prol do sector primario galego e á recuperación demográfica, e pola mellora da calidade de vida da poboación do rural.
1.-Transladar o compromiso das tres forzas políticas que compoñen o arco parlamentario deste Parlamento de Galicia para promover no Congreso dos Deputados a reforma da Lei da Cadea Alimentaria no sentido de establecer os mecanismos necesarios para o cálculo dos custos de produción dos produtos agrogandeiros para establecer prezos de referencia e asegurar así as mínimas ganancias que permitan o desenvolvemento económico-social e a pervivencia dos diferentes sectores produtivos do rural.
E de xeito particular, que o Ministerio recolla na citada lei, como medio de proba dos custos de producción, os que se deriven de aplicacións de contabilidade validadas polas Comunidades Autónomas coma poden ser a contalactea ou a contacarne.
2.-Planificar accións coordinadas e debidamente orzamentadas destinadas a activar zonas deprimidas, abandonadas e despoboadas que permitan o reinicio das actividades agrogandeiras que fixen poboación, reactiven a economía e xestionen territorio coa meta posta na necesaria capacidade de autoabastecemento alimentario, utilizando para tal fin os instrumentos da Lei de Recuperación da Terra Agraria de Galicia. No marco desta lexislación impulsarase:
a)- A consecución dunha porcentaxe de SAU que permita camiñar cara a unha maior capacidade das nosas explotacións para producir alimentos e insumos.
b)- Priorizar plans de choque nas zonas onde o abandono agrogandeiro e a despoboación son máis acusados.
c)- Orientar todas estas medidas ó fortalecemento e expansión do modelo de pequenas e medianas explotacións agropecuarias priorizando a mobilización de terra agraria a través da LRTA.
d)- Activar a figura do Banco de Explotacións contemplada na LRTA como axuda na remuda das explotacións agrogandeiras galegas.
3. Avanzar na tramitación da normativa galega en materia de calidade alimentaria para facilitar o comercio de proximidade e a venta directa potenciando a rede de matadoiros e os Centros Comarcais de Transformación, favorecendo o desenvolvemento do selo de Artesanía Alimentaria como mecanismo que permita a pequenas e medianas explotacións familiares de producións, tanto ecolóxicas como integradas, dar unha saída rendible aos seus produtos. Nesta liña, a finalidade de dita lexislación debe ser a consecución de produtos de calidade, o respecto á sustentabilidade e o equilibrio medio ambiental así como o peche na medida do posible dos ciclos de produción (consecución de insumos para a produción agropecuaria, transformación dos produtos primarios....)".
Saúdos, Gabinete de Comunicación.