saltar ao contido

​​​​Santalices apela á responsabilidade individual para preservar a saúde do planeta

  • O Parlamento de Galicia acolle o pleno infantil Deputados por un Día, no marco do programa Abraza os teus valores, impulsado por Aldeas Infantiles SOS

 

Santiago, 12 de xuño de 2023.- O Parlamento de Galicia acolleu este mediodía o pleno infantil  Deputados por un Día, no marco do programa Abraza os teus valores, impulsado por Aldeas Infantiles SOS que este ano, coincidindo co 25 aniversario da iniciativa, versa sobre educación, igualdade de xénero e acción polo clima.

 

A actividade foi clausurada polo presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, quen afirmou que “tomamos boa nota" das propostas formuladas no debate protagonizado polo estudantado participante porque “lonxe de ser ideas improvisadas, compartides connosco reflexións meditadas froito do traballo colectivo realizado durante o curso".

 

O titular do Lexislativo galego insistiu no papel “determinante" da educación. Dirixíndose ao estudantado participante apuntou  que “a nosa obriga -dos maiores e dos poderes públicos-  é facilitarmos e incrementarmos os recursos educativos, e a vosa reside en esforzarvos para obter a mellor formación posible".

 

O reto da igualdade

 

Sobre a igualdade de xénero, Santalices Veira sinalou que “é un dos grandes retos dos nosos días". “No occidente desenvolvido no que vivimos, e moi especialmente entre a poboación máis nova, a igualdade está totalmente interiorizada, aínda que reste camiño por percorrer". Citou, como exemplo, os novos retos que afloran, como o ciberacoso. E apuntou que, no Parlamento de Galicia, a desigualdade de xénero desapareceu  hai tempo, como o demostra o feito de que, arestora, haxa máis deputadas que deputados.

 

Pequenos esforzos para salvar o planeta

 

Para o presidente do Parlamento de Galicia “se hai un ámbito en que a responsabilidade individual resulta crucial, ese é o coidado do medio ambiente e a acción polo clima".  Pero, “por fortuna, os máis novos estades especialmente concienciados respecto deste reto; felicítovos por iso e anímovos a actuar en consecuencia, porque a suma de pequenos xestos permítenos alcanzar grandes obxectivos".

 

Po iso, Santalices amosouse convencido de que “os máis novos seredes quen de construír esa nova sociedade que as circunstancias demandan: un mundo por e para as persoas, que cultiven a empatía e preserven a saúde do planeta".

 

O Pleno infantil contou tamén coas intervencións da adxunta á dirección xeral de Aldeas Infantiles SOS, María del Mar Líndez Líndez; e da conselleira de Política Social, Fabiola García Martínez. Asistiron ao acto, ademais, a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa da Xunta, Judith Fernández Novoa; e mailo director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey Sastre.

 

Os grupos parlamentarios estiveron representados polas/o deputadas/o Raquel Arias Rodríguez (PPdeG), Daniel Castro García (VNG) e Marina Ortega Otero (PSdeG-PSOE).

 

No debate participaron escolares do colexio Emma (Santiago de Compostela), Poeta Uxío Novoneyra (Seoane do Courel), Padre Feijóo Zorelle (Ourense) e Nazaret (Cangas).

 

Ao remate da súa intervención, o presidente do Parlamento tivo unha lembranza para dúas persoas falecidas: Rita Regojo Otero, “alma máter de Aldeas Infantiles", e Honorato Losada Zorelle, director durante moitos anos do Colexio Padre Feijóo Zorelle, falecido recentemente.

 

Saúdos, Gabinete de Comunicación.


Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina