saltar ao contido

Declaración institucional do Parlamento de Galicia sobre o Día Internacional do Pobo Xitano

 

 

O 8 de abril volvemos conmemorar e celebrar o Día Internacional do Pobo Xitano. Unha data que conmemora o primeiro Congreso Mundial Xitano, celebrado en Londres en 1971, no que se adoptaron os símbolos propios do pobo xitano: a bandeira azul e verde cunha roda vermella e o himno Gelem, Gelem. En España foi en 2018, a pedimento do Congreso dos Deputados, cando tivo lugar o recoñecemento do 8 de abril como Día do Pobo Xitano, así como o uso da bandeira e o himno xitanos.

 

O 8 de abril, Día Internacional do Pobo Xitano, é un día para recoñecermos a contribución que os xitanos e as xitanas fixeron á nosa sociedade durante máis de seis séculos de historia compartida, e de dar un paso adiante na loita pola igualdade de oportunidades e de dereitos das persoas xitanas.

 

Coa instauración da democracia no noso país, o pobo xitano foi acadando cotas de igualdade e transformando as súas condicións de vida. Con todo, son moitos aínda os retos pendentes en eidos como a educación, o emprego ou o acceso a unha vivenda digna.

 

Un motivo especial de celebración deste 8 de abril é a aprobación en xuño de 2022 da Lei integral para a igualdade de trato e non discriminación, que ademais incorpora o antixitanismo como delito de odio no Código penal. Esta modificación supón un fito histórico para os xitanos e as xitanas, que por fin ven recoñecidos séculos de discriminación e rexeitamento social.

 

Outro recente fito foi a aprobación do Informe da Subcomisión para acadar un pacto de Estado contra o antixitanismo e a inclusión do pobo xitano, na Comisión de Dereitos Sociais do Congreso dos Deputados a principios deste ano.

 

Son dous momentos moi relevantes para a historia do pobo xitano que non serían posibles sen o impulso dos deputados e deputadas xitanos que ocupan un escano no Congreso.

 

Este 2023 será un ano marcado polo calendario electoral e por iso unha oportunidade para que as persoas xitanas continúen a avanzar e a ocupar un espazo diferente, desde dentro das institucións.

 

Con motivo desta conmemoración do Día Internacional do Pobo Xitano tamén queremos lembrar os graves casos de antixitanismo que sufriron algunhas familias xitanas de Peal de Becerro (Xaén) e Íllora (Granada) o pasado verán, nos que, tras o acoso e a persecución da veciñanza, familias enteiras se viron obrigadas a deixaren as súas casas. Unha práctica con visos de se converter en recorrente á vista do acaecido en localidades como Estepa, Castellar ou Martos. Este tipo de situacións son un claro síntoma de que, a pesar da recente aprobación da Lei integral de igualdade de trato, o antixitanismo segue enquistado na nosa sociedade.

 

O pobo xitano continúa a vivir nun contexto de dificultades, pero isto non pode supoñer un paso atrás nos avances que se deron na garantía de dereitos e oportunidades para os xitanos e as xitanas en España e Europa. Por iso, non só é necesario recoñecer e conmemorar un día coma este 8 de abril, senón tamén continuar a traballar en medidas concretas para reducir a desigualdade, loitar contra a discriminación e o antixitanismo, e avanzar en dereitos e cidadanía do pobo xitano.

 

Santiago, 12 de abril de 2023


Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina