saltar ao contido

Acordos da Comisión 8ª, Pesca e Marisqueo, celebrada o 28 de marzo de 2023

 

A  Comisión 8ª, Pesca e Marisqueo, na súa sesión do 28 de marzo de 2023, adoptou os seguintes acordos:

 

Procedementos de control e impulso

Proposicións non de lei en Comisión

 

Aprobación sen modificacións

 

- 48883 (11/PNC-004179)

Grupo Parlamentario Popular de Galicia

Egerique Mosquera, Teresa e 7 máis

Sobre as accións que debe levar a cabo a Xunta de Galicia para trasladarlles aos grupos do Parlamento Europeo o desacordo do Parlamento de Galicia co feito de que na Unión Europea prevaleza unha visión ecoloxista radical en detrimento dos intereses do sector pesqueiro e das comunidades costeiras

BOPG n.º 450, do 08.02.2023

 

Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións por 9 votos a favor, 3 votos en contra e 0 abstencións.

 

O texto aprobado é o seguinte:

 

“O Parlamento de Galicia acorda como Resolución manifestar o seu desacordo co feito de que na Unión Europea prevaleza unha visión ecoloxista radical en detrimento dos intereses do sector pesqueiro e das comunidades costeiras e insta á Xunta de Galicia a trasladar esta posición a todos os grupos políticos no Parlamento Europeo, solicitando expresamente que o Grupo dos Verdes/Alianza Libre Europea rectifique, por actuar sistematicamente en contra dos intereses da cadea mar-industria galega".

 

- 51317 (11/PNC-004380)

Grupo Parlamentario Popular de Galicia

Egerique Mosquera, Teresa e 10 máis

Sobre a demanda que debe realizar a Xunta de Galicia ao Goberno de España para que defenda ante as institucións comunitarias o establecemento dun continxente arancelario autónomo de lombos de atún de 55.000 toneladas ao cero por cento do arancel para o próximo período 2024-2026

BOPG n.º 467, do 15.03.2023

 

Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións por 7 votos a favor, 2 votos en contra e 3 abstencións.

 

O texto aprobado é o seguinte:

 

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a:

 

1.- Dirixirse ao Goberno de España para que defenda ante as institución comunitarias o establecemento dun continxente arancelario autónomo de lombos de atún de 55.000 toneladas ao 0% do arancel para o próximo período 2024-2026.

2.- Dirixirse aos deputados do Partido Popular, Partido Socialista e Bloque Nacionalista Galego con representación no Parlamento europeo para que apoien esta demanda, no marco do debate do novo regulamento europeo que establecerá os continxentes arancelarios da Unión Europea para determinados produtos da pesca".

 

Aprobación por unanimidade sen modificacións

 

- 48014 (11/PNC-004119)

Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego

Pérez Fernández, Rosana e 2 máis

Sobre a demanda que debe facer o Goberno galego ao Goberno do Estado de medidas que faciliten a regularización da frota pesqueira e das competencias en materia de ordenación pesqueira

BOPG n.º 446, do 01.02.2023

 

Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.

 

O texto aprobado é o seguinte:

 

“O Parlamento de Galicia insta ao Goberno da Xunta de Galicia a:

 

- Reclamar ao Goberno do Estado medidas que faciliten a regularización definitiva da frota pesqueira galega e que eviten a expulsión de buques do mar de xeito inminente.

- Dar a coñecer a situación real da frota pesqueira galega despois dos distintos procesos de regularización levados a cabo ata a actualidade.

- Demandar do Goberno do Estado as competencias en materia de ordenación pesqueira que permitan, entre outras moitas actuacións, levar a cabo procesos destas características con coñecemento real da situación e condicións de traballo das embarcacións e con maior eficacia e prontitude".


Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina