saltar ao contido

Santalices recibe o nomeamento de presidente honorario do Centro Galego de Madrid

 

 

  • Agradece a distinción que “recoñece a intensa traxectoria do Parlamento de Galicia en defensa dos galegos do exterior"

 

Santiago, 24 de marzo de 2023.- O Centro Galego de Madrid nomeou presidente honorario da entidade ao titular do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, nun acto celebrado este mediodía na súa sede da madrileña rúa Carretas.

 

Santalices recolleu a distinción “encantado e agradecido", por entender que “con ela se recoñece a intensa traxectoria do Parlamento de Galicia en defensa dos galegos do exterior". Ao seu xuízo, “a Galicia actual non pode entenderse sen a emigración, un fenómeno de proporcións colosais, cunha taxas migratorias só superadas polas de Irlanda".

 

Para o presidente do Parlamento de Galicia “detrás do concepto xenérico de emigración hai persoas reais que viven e que se erguen cada día rememorando as súas orixes, a centos ou miles de quilómetros de distancia do lugar no que viron as primeiras luces".

 

Recordou Santalices que a Medalla do Parlamento de Galicia de 2019 foi outorgada ao conxunto da emigración galega, “un recoñecemento de enorme carga simbólica co que, modestamente, tratamos de facer xustiza e recoñecer de maneira solemne a eterna débeda de gratitude que cada un de nós mantén coa Galicia exterior.

 

Santalices Vieira agradeceu tamén o protagonismo da emigración galega en Madrid, agrupada inicialmente arredor do Centro Galego fundado en 1892, e articulada, arestora, a través de diferentes entidades de carácter profesional (médicos, xuristas, xornalistas, empresarios, taxistas,...). Algunhas fontes cifran en 200.000 persoas (sumando primeiras e segundas xeracións) o colectivo de madrigallegos.

 

Saúdos, Gabinete de Comunicación.


Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina