A Comisión 2ª, Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos, na súa sesión do 17 de febreiro de 2023, adoptou os seguintes acordos:
Procedementos de control e impulso
Proposicións non de lei en Comisión
Aprobación sen modificacións
- 41048 (11/PNC-003594)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Freire Vázquez, María Begoña e 6 máis
Sobre a demanda que debe realizar a Xunta de Galicia ao Goberno de España para que modifique os artigos 245 e 269 da Lei orgánica 10/1995, do 23 de novembro, do Código penal, para evitar a ocupación da vivendas ou inmobles
BOPG n.º 382, do 21.09.2022
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións por 7 votos a favor, 5 votos en contra e 0 abstencións.
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a demandar ao Goberno de España a que proceda a:
1.- Modificar os artigos 245 e 269 da Lei Orgánica 10/1995, do 23 de novembro do Código Penal para endurecer as penas no caso de ocupación da vivenda ou inmoble, especialmente no caso de mafias. Recuperar o delito de usurpación de bens inmobles con penas de entre 3 e 5 anos.
2.- Incluír novas medidas procesuais na Lei de Axuizamento Criminal para mellorar a protección das persoas físicas ou xurídicas que sexan propietarias ou posuidoras lexítimas dunha vivenda ou inmoble co obxectivo de recuperar a plena posesión dunha vivenda ou parte dela, sempre que se viran privados da mesma sen o seu consentimento. Proceder ao desaloxo da vivenda ocupada en situación de flagrante delito ou, en caso de que non o sexa, en 24 horas por parte da Policía.
3.- Modificar a Lei 49/1960 sobre propiedade horizontal para que se habilite ás comunidades de propietarios como persoas xurídicas para que poidan iniciar os procesos de recuperación da vivenda en aras dunha mellor convivencia e evitando actividades molestas, insalubres, nocivas, perigosas ou ilícitas.
4.- Incluír un novo apartado no apartado 4 do artigo 18 da Lei 7/1985, de 2 de abril, de Bases de Réxime Local para evitar a inscrición no padrón municipal dun ocupante ilegal definido na Lei Orgánica contra a ocupación ilegal e para a convivencia veciñal e a protección da seguridade das persoas e cousas nas comunidades de propietarios.
Así como solicitar que esta inscrición se considere nula e non constitúa proba da súa residencia ou domicilio nin se lles atribúa ningún dereito. A tales efectos, os concellos darán de baixa de oficio ou a instancia do propietario ou posuidor real lexítimo as inscricións en canto tiveran coñecemento dilo.
5.- Modificar a lexislación tributaria para a redución de obrigacións contributivas de arrendadores que xustifiquen a non percepción de rendas.
Aprobación con modificacións
- 43335 (11/PNC-003814)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Bará Torres, Xosé Luís e Fernández Gómez, Alexandra
Sobre as actuacións que debe levar a cabo a Xunta de Galicia para defender a propiedade e o uso público das fontes termais de Cuntis e garantir a súa protección e conservación
BOPG n.º 407, do 09.11.2022
Sométese a votación separada por puntos:
Puntos 1, 2 e 3: resultan rexeitados por 5 votos a favor, 7 votos en contra e 0 abstencións.
Punto 4: resulta aprobado pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
O texto aprobado é o seguinte:
"O Parlamento insta á Xunta de Galicia a incoar o procedemento para a declaración do patrimonio termal de Cuntis como Ben de Interese Cultural"
Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 2023