Santiago, 14 de febreiro de 2023.- Os integrantes da Mesa do Parlamento de Galicia, encabezados polo presidente da Cámara, Miguel Ángel Santalices Vieira, supervisaron esta mañá o inicio das obras de execución da nova edificación para mellorar a accesibilidade ao Pazo do Hórreo.
A previsión inicial contempla que os traballos teñan unha duración de 12 meses de tal maneira que os novos espazos entren en servizo dentro dun ano.
O proxecto a executar foi seleccionado a través dun concurso de ideas, con intervención de xurado, do que resultou gañador a proposta presentada por Tejedor y Otero Arquitectos, S.L.P.
Presentáronse ao concurso de ideas un total de 43 anteproxectos, dos que catro foron excluídos por non se axustaren ás bases do concurso. O xurado estaba integrado por nove persoas, seis delas arquitectos.
O proxecto a executar integra a nova edificación como parte do basamento do edificio do Parlamento, utiliza a pedra como material básico da intervención canda elementos máis lixeiros e diáfanos, ao tempo que racionaliza e xerarquiza o acceso ao edificio, evitando a interferencia entre o fluxo rodado e peonil. Tamén favorece a eficiencia enerxética nos novos espazos. As obras contan cun orzamento de 1,5 millóns de euros, sen IVE.
Dificultades de acceso
A solución técnica adoptada no seu momento para facilitar o acceso ordinario ao Pazo do Hórreo presenta, arestora, notables carencias, especialmente para as persoas con diversidade funcional.
Na actualidade, o control de acceso está separado da entrada do edificio. Estes dous puntos están unidos por unha rampa dunha pendente próxima ao 20%, e cun pavimento irregular, circunstancias que dificultan a accesibilidade, especialmente para as persoas con problemas de mobilidade.
Ao tempo, nin a caseta de seguridade, nin a rampa que comunica coa entrada ao edificio contan con elementos de protección fronte ás inclemencias meteorolóxicas, polo que os grupos de persoas que visitan o Parlamento se ven obrigados a facer cola á intemperie. Esta carencia resulta especialmente molesta nos días de chuvia e afecta especialmente ás visitas escolares, grupos da terceira idade e persoas con diversidade funcional. A maiores, o espazo de circulación de persoas é compartido co tráfico rodado de vehículos que saen do aparcamento do recinto.
Ademais dos problemas en materia de accesibilidade que presenta o edificio, a intervención resulta necesaria para poder atender o crecente volume de persoas que acoden ao Parlamento, tanto para participar na actividade institucional, como nas diferentes modalidades de visitas (portas abertas, visitas guiadas ou o Coñece as túas institucións dirixido ao estudantado galego).
Medidas correctoras
Os directores da obra explicaron aos integrantes do órgano de Goberno da Cámara as medidas correctoras que se van implantar durante o desenvolvemento dos traballos para minimizar o impacto das obras, tanto no día a día da Cámara, como na contorna do edificio.
Mentres duren as obras, o acceso ao Pazo do Hórreo -tanto de vehículos como peóns-efectuarase a través da Rúa Ramón Piñeiro.
Preservar as árbores
Algunhas das árbores que se deberán arrincar na área onde se erguerá a edificación serán trasladadas a un viveiro, onde permanecerán ata o seu posterior transplante no recinto do Hórreo unha vez conclúan os traballos. Outros exemplares transplantaranse no Bosque de Galicia, nas inmediacións da Cidade da Cultura, en Santiago, aproveitando o parón vexetativo invernal.
Durante a visita, os integrantes da Mesa da Cámara foron informados dos detalles dos traballos por parte da dirección colexiada da obra, a cargo dos arquitectos Juan Tejedor e Julio Otero. Tamén participaron o director de execución da obra e coordinador de seguridade e saúde, José María Palomero; e mailo responsable do control arqueolóxico, Alejandro Parga.
Saúdos, Gabinete de Comunicación.