Santiago, 30 de xaneiro de 2022.- A sede de Xuventude de Galicia-Centro Galego de Lisboa acollerá, entre o 2 de febreiro e o 4 de marzo, a exposición O poder da palabra. 40 anos do Parlamento de Galicia.1981-2021, que repasa os feitos máis salientables das catro décadas de vida do Lexislativo galego, desde a súa constitución, o 19 de decembro de 1981 no Pazo de Xelmírez, ata a actualidade.
A decisión de exhibir esta mostra na capital de Portugal obedece a un triple obxectivo: recoñecer o papel da emigración galega na configuración da Galicia contemporánea, cultivar as intensas relacións de Galicia co país veciño, así como afondar nos vínculos de Galicia cos países e comunidades de lingua portuguesa, un mandato recollido na Lei para o aproveitamento da lingua portuguesa e os vínculos coa lusofonía, aprobada, por unanimidade, pola Cámara galega no ano 2014.
A exposición que agora chega a Lisboa permaneceu aberta ao público na sede do Lexislativo autonómico entre o 15 de decembro de 2021 e o 15 de marzo de 2022, iniciando despois un percorrido polas cidades galegas e a Casa de Galicia en Madrid. Foi comisariada por Ramón Villares Paz, catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela. O comisario contou coa colaboración de Miguel Anxo Seixas Seoane e Gustavo Hervella García, integrantes do Grupo HISTAGRA (Historia Agraria e Política do Mundo Rural, séculos XIX e XX); mentres que o deseño gráfico correu a cargo de Xosé Díaz Arias.
Materiais
A exposición está integrada por 24 paneis, un vídeo divulgativo e 17 vitrinas con documentación histórica e bibliografía relacionada co proceso de configuración da autonomía de Galicia.
Entre outros documentos, na exposición é posible contemplar a Proposta de Consello de Galiza de Castelao, datada arredor de 1943 e cedida pola Biblioteca da Fundación Penzol, ou o mapa Gallaecia Regnum, datado en torno ao 1635 e cedido polo Museo do Pobo Galego.
A mostra tamén incorpora obras como O Estatuto de Galiza. Antecedentes e comentarios, editada en 1948 pola colectividade galega en Arxentina e cedida polo historiador Miguel Anxo Seixas Seoane.
A inauguración na sede de Xuventude de Galicia-Centro Galego de Lisboa (Rúa Julio Andrade, 3) está prevista para o vindeiro xoves, 2 de febreiro, ás 18,00 h.
Outras reunións
No marco deste desprazamento a Lisboa, o presidente do Parlamento de Galicia tamén manterá cadansúa reunión co presidente do Instituto Camões, João Ribeiro de Almeida; e co presidente da Presidente da Assembleia da República de Portugal, Augusto Santos Silva.
Saúdos, Gabinete de Comunicación.