saltar ao contido

Proposicións non de lei aprobadas no Pleno do Parlamento de Galicia o 21 de decembro de 2022

​3.1    39782 (11/PNP-003401)

Grupo Parlamentario Popular de Galicia

Amigo Díaz, María Encarnación e 6 máis

Sobre as medidas que debe desenvolver a Xunta de Galicia para a prevención do cancro de pulmón

Publicación da iniciativa, BOPG n.º 375, do 07.09.2022

O texto aprobado é o seguinte:

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a elaborar un Plan galego de prevención do cancro de pulmón no que se empreguen métodos innovadores de detección para facer deste programa unha iniciativa pioneira a nivel estatal".

        

3.2    43708 (11/PNP-003719)

Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia

Ortega Otero, Marina e Torrado Quintela, Julio

Sobre as actuacións que debe levar a cabo a Xunta de Galicia para garantir a execución do  concerto social a través da Consellería de Política Social

Publicación da iniciativa, BOPG n.º 412, do 22.11.2022

O texto aprobado é o seguinte:

“O Parlamento insta a Xunta de Galicia a que a través da Consellería de Política Social garantan a execución do Concerto Social en base a garantir a viabilidade das entidades e do labor coas persoas con discapacidade".

        

3.3    44025 (11/PNP-003732)

Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego

Pontón Mondelo, Ana e 18 máis

Sobre a demanda que debe facer a Xunta de Galicia ao Goberno central respecto da suba das peaxes da AP-9 e da AP-53

Publicación da iniciativa polo procedemento de urxencia, BOPG n.º 412, do 22.11.2022

O texto aprobado é o seguinte:

“O Parlamento insta a Xunta a demandar do Goberno central

  • Que non permita a suba das peaxes da AP 9 e AP53, pola súa incidencia moi negativa nas economías familiares e en sectores económicos estratéxicos nun contexto de suba desmesurada dos prezos.
  • Que revise e anule os convenios asinados en 2011 e 2013 coa concesionaria, atendendo ao ditame do Consello Consultivo.
  • Que analice legalmente a posibilidade de revisar e anular as ampliacións da concesión da AP-9, atendendo ao requirimento da CE nese sentido.
  • Que faga os estudos necesarios e adopte as medidas precisas para conseguir no prazo máis breve posible unha AP9 galega e libre de peaxes.
  • Que aplique na AP 53 bonificacións das peaxes similares ás aprobadas para a AP9".

        

3.4    44083 (11/PNP-003740)

Grupo Parlamentario Popular de Galicia

Nóvoa Iglesias, Marta e 13 máis

Sobre as actuacións que debe demandar a Xunta de Galicia ao Goberno de España en materia da planificación de Red Eléctrica de España

Publicación da iniciativa polo procedemento de urxencia, BOPG n.º 412, do 22.11.2022

 

O texto aprobado é o seguinte:

 

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a demandar ao Goberno de España que rectifique e inclúa na planificación de Rede Eléctrica de España para 2021-2026 as actuacións seguintes:

1.   Construción dunha nova subestación eléctrica, unha liña de conexión e unha entrada e saída á liña de 220kV existente entre Mesón do Vento-Belesar para atender en condicións óptimas as necesidades de subministración da fábrica de fibras téxtiles sostibles de ALTRI en Palas de Rei.​

2.   Ampliar a capacidade da subestación existente nos nós de Sabón e Meirama para dar viabilidade aos proxectos industriais existentes na área da Coruña como son a nova fábrica de ánodos de grafito para baterías de Showa Denko ou a planta de amoníaco verde de Armonía, entre outras iniciativas anunciadas por diversos promotores.
 

3.   Determinar o destino dos 1400MW de capacidade dispoñible no nó existente nas Pontes para ver a compatibilidade do proceso de desmantelamento parcial da central térmica cos proxectos industriais e enerxéticos que se queren desenvolver na zona, como a fábrica de hidróxeno verde de EDP e Reganosa, a biofábrica de Ence ou a central hidroeléctrica reversible promovida por Magtel.

4.   Inclusión da nova subestación de 220 kV para a zona industrial de Vigo para garantir unha subministración eléctrica de calidade tanto á fábrica de Stellantis en Balaídos, como a toda a área industrial desta localidade.

5.   Dar cobertura a calquera outra necesidade da industria galega, xa sexa da que estea asentada e da que quere implantarse na nosa Comunidade para impulsar a recuperación económica e a creación de emprego".

Saúdos, Gabinete de Comunicación.



Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina