saltar ao contido

O Parlamento de Galicia edita un libro sobre os 40 anos da autonomía

  • “Os tempos son chegados. Balance da Galicia autonómica /1981-2021" é o título da obra coordinada por Ramón Villares e integrada por 18 capítulos elaborados por profesores das tres universidades galegas

 

  • O presidente do Parlamento de Galicia conclúe que “a autonomía de Galicia é unha historia de éxito colectivo que temos a obriga de perfeccionar cada día"

 

Santiago, 19 de decembro de 2022.- O Parlamento de Galicia acollleu este mediodía a presentación do libro “Os tempos son chegados. Balance da Galicia autonómica / 1981-2021", unha obra coral, editada pola Cámara, que pon o ramo ás actividades conmemorativas do 40 aniversario da autonomía galega que se viñeron celebrando no último ano.

O libro, coordinado por Ramón Villares -comisario da tamén da exposición “O poder da palabra", organizada polo Parlamento no marco da conmemoración do seu 40 aniversario- está integrado por 18 capítulos do que son autores profesores das tres universidades galegas que fan repaso destas catro décadas de autonomía desde diferentes ópticas. A obra está prologada polo presidente da Xunta de Galicia, conta cunha presentación institucional do presidente do Parlamento e un epílogo con tres colaboracións a cargo dos portavoces dos tres grupos parlamentarios da Cámara galega.

Na presentación, o presidente da Cámara galega, Miguel Ángel Santalices Vieira, recordou que tal día coma hoxe, o 19 de decembro de 1981, constituíuse o primeiro Parlamento de Galicia, “un fito histórico que deu paso aos 40 anos de maior prosperidade de toda a nosa historia".​

Apuntou Santalices que “o rigor e a pluralidade foron as únicas condicións que desde o Parlamento de Galicia trasladamos ao coordinador desta obra cando lle encargamos o proxecto".

Foi así na medida en que “facer memoria implica facer reconto dos acertos, mais tamén dos fallos, porque recoñecer a súa existencia é o primeiro paso para os reparar".

Esforzo colectivo

A xuízo de Santalices, “a autonomía de Galicia é o resultado dun esforzo colectivo no que cómpre agradecer todas as achegas", entre as que se referiu ás do goberno e ás da oposición; á sociedade civil, “nun primeiro momento indiferente e hoxe plenamente identificada co autogoberno"; aos medios de comunicación, “que maioritariamente fixeron apostolado da descentralización"; e “tamén a todos os nosos devanceiros, especialmente aos que izaron e mantiveron izada a bandeira de Galicia en tempos pretéritos especialmente difíciles".

 

Entre os inspiradores da autonomía, o titular do Lexislativo galego lembrou a Alexandre Bóveda, “mártir da liberdade asasinado no monte da Caeira"; a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, “falecido no desterro logo dunha vida entregada a Galicia"; e a Ramón Otero Pedrayo, “o gran patriarca das letras galegas, exemplo de integridade e coherencia persoal, que padeceu o desterro interior".  Para Santalices, “con todos estamos en débeda, polos vieiros que principiaron e nos conduciron aos que hoxe somos".

Esa débeda de gratitude obriga, en opinión de Santalices, a “reforzar o noso compromiso con Galicia e coa nosa xente, coa democracia e coa liberdade que con tanto sacrificio fomos quen de edificar".

Na súa intervención, o presidente do Parlamento de Galicia subliñou o clima de entendemento que caracterizou estas catro décadas de autonomía, “fuxindo, en termos xerais, dos enfrontamentos estériles, acatando o marco constitucional pactado, maioritaria e democraticamente por todos os españois, avanzando na senda europeísta soñada pola xeración Nós, sen perder de vista os lazos de sangue que nos unen coa outra beira do Atlántico e reforzando os vínculos con Portugal e coa lusofonía".

Unha historia de éxito colectivo

Nesta liña, Santalices Vieira considera que “a autonomía de Galicia é unha historia de éxito colectivo. Outrora foi un experimento no que non todos confiaban, hoxe é unha feliz realidade que temos a obriga de perfeccionar cada xornada".

O acto contou tamén coas intervencións do conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta, Román Rodríguez; do coordinador do libro, o profesor Ramón Villares; e dos profesores Nieves Lagares Díez, Luís Domínguez Castro e Roberto Blanco Valdés, en representación dos autores dos diferentes capítulos que integran o volume.


Saúdos, Gabinete de Comunicación.



Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina