A Comisión 7ª, Agricultura, Alimentación, Gandaría e Montes, na súa sesión do 16 de decembro de 2022, adoptou os seguintes acordos:
Procedementos de control e impulso
Proposicións non de lei en Comisión
Aprobación por unanimidade con modificacións
- 17004 (11/PNC-001729)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Aira Díaz, María del Carmen e 2 máis
Sobre as actuacións que debe levar a cabo a Xunta de Galicia para atender a situación das mulleres vítimas de violencia de xénero que viven no rural
BOPG n.º 155, do 16.06.2021
Sométese a votación e resulta aprobada con modificacións respecto do texto orixinal, pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
O texto aprobado é o seguinte:
"O Parlamento Galego insta ao Goberno da Xunta a:
1. Prestar especial atención ás peculiaridades da violencia de xénero sobre as mulleres no rural galego. Para isto diferenciará os casos en estatísticas propias.
2. Dar recoñecemento á situación de illamento e probablemente de dependencia económica da muller para a implementación de medidas precisas.
3. Facer un estudo en profundidade da realidade rural con respecto á violencia de xénero, no marco do Observatorio Galego da Violencia de Xénero, a creación dun grupo específico de traballo no que se elabore un estudo con perspectiva de interseccionalidade sobre a violencia de xénero nas mulleres do rural galego.
4. Incorporar en todos os estudos que se realicen sobre violencia machista o grao de urbanización, entendido como conxunto de indicadores que permite discernir as diferenzas e similitudes entre as distintas zonas de Galicia e caracterizar o que habitualmente se denomina urbano ou rural.
5.Trala análise e avaliación dos datos obtidos deseñaranse unha estratexia contra a violencia de xénero con medidas concretas no ámbito da sensibilización, prevención, atención e intervención no medio rural.
6. Realizaranse campañas específicas de prevención e denuncia.
7. Reavaliaranse de xeito constante a efectividade das medidas implementadas.
8. Realizarase un informe pormenorizado e específico dos fondos derivados ao rural do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero no ámbito do Observatorio Galego da Violencia de Xénero.
10. O goberno da Xunta manterá unha actitude proactiva a prol da eliminación da violencia de xénero, no rural tamén."
Aprobación por unanimidade sen modificacións
- 43875 (11/PNC-003851)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Candia López, María Elena e 6 máis
Sobre as actuacións que debe levar a cabo a Xunta de Galicia para impulsar determinadas medidas a prol da planificación, seguimento e control da produción do castiñeiro no período 2023-2024
BOPG n.º 412, do 22.11.2022
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
O texto aprobado é o seguinte:
"O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a impulsar e poñer en marcha as seguintes medidas a prol da planificación, seguimento e control da produción do castiñeiro no período 2023-2024:
1.- Levar a cabo unha promoción do aproveitamento conxunto dos terreos forestais mediante unha xestión sustentable e multifuncional dos produtos e servizos forestais no marco da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia e da Lei de Montes de Galicia.
2.- Impulsar dun xeito xeral a mellora dos soutos, e en especial os incluídos no Rexistro de Masas consolidadas de frondosas autóctonas.
3.- Deseñar un mapa territorial que identifique as principais zonas xeográficas para plantacións de castiñeiros e favorecer estas novas plantacións con axudas públicas ou incentivos.
4.- Fomentar a implicación das comunidades de propietarias de montes de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo e das comunidades de montes veciñais en man común e as súas mancomunidades, no desenvolvemento de novas plantacións de castiñeiro, así como fomentar e adaptar as estratexias dos Grupos de Desenvolvemento Rural para a execución dos proxectos ligados a esta especie."
- 44046 (11/PNC-003862)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Candia López, María Elena e 6 máis
Sobre as medidas a prol do sector agrario, e concretamente do sector vitivinícola, que debe levar a cabo a Xunta de Galicia
BOPG n.º 416, do 02.12.2022
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
O texto aprobado é o seguinte:
"O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a levar a cabo as seguintes medidas a prol do sector agrario e concretamente do sector vitivinícola:
1.- Consolidar e desenvolver todas as medidas de apoio necesarias para incentivar a contratación dos seguros agrarios e impulsar especificamente a contratación das mesmas en todas as explotacións vitivinícolas que estean asociadas ás Denominacións de Orixe coa finalidade de estar cubertos ante calquera eventualidade ou fenómeno meteorolóxico extraordinario.
2.- Fomentar a promoción do noso sector vitivinícola e concretamente dos viños galegos con denominación de orixe en países da Unión Europea e fora da mesma."