saltar ao contido

Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 2 de decembro de 2022


3.2    36051 (11/PNP-003214)

Grupo Parlamentario Popular de Galicia

Candia López, María Elena e 8 máis

Sobre as actuacións que debe realizar a Xunta de Galicia en relación coa tramitación de proxectos eólicos tanto súa competencia como de tramitación ministerial

Publicación da iniciativa, BOPG n.º 334, do 22.06.2022


O texto aprobado é o seguinte:​

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a:

1.- Tramitar coa maior axilidade posible os proxectos eólicos da súa competencia, especialmente aqueles declarados como iniciativas empresariais prioritarias, que conten con permiso de acceso e conexión firme e vixente e cuxos promotores subscriban un acordo directo de compravenda de enerxía a longo prazo e a prezo competitivo cunha empresa con centro de traballo con actividade industrial en Galicia, vinculando estes proxectos a garantir polo menos o 50% do consumo de enerxía do devandito centro (nomeadamente no caso de planta de Alcoa em San Cibrao).

2.- Instar ao Goberno de España a:

a)   Asumir un Acordo de colaboración coa Xunta de Galicia para facilitar a tramitación dos parques eólicos de tramitación ministerial e o cumprimento da normativa galega.

b)  Garantir axilidade na tramitación dos proxectos eólicos cuxa autorización é competencia estatal, adoptando todas as medidas que permitan dar prioridade ás instalacións que permitan a subministración eléctrica á industria.

 

c)  Amosar un compromiso claro por parte do Goberno central, Xunta de Galicia e Alcoa que garanta a reactivación da planta de San Cibrao canto antes, así como a participación en todas as reunións da Mesa de Seguimento de Alcoa do Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico.

d)  Activar o Perte para descarbonizar a industria electrointensiva en cogobernanza coas Comunidades Autónomas.


e)  Denegar os proxectos fóra das Áreas de Desenvolvemento Eólico (ADE) salvo aqueles para os que a Xunta de Galicia declare a excepcionalidade en base á lei eólica galega".

         

3.4    43495 (11/PNP-003699)

Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia

Díaz Varela, Noa Susana e Otero Lago, Noelia

Sobre a ratificación por parte do Parlamento de Galicia do seu compromiso contra a violencia machista e en defensa dos dereitos das mulleres, así como as medidas que nesta materia debe adoptar a Xunta de Galicia

Publicación da iniciativa, BOPG n.º 410, do 16.11.2022

 

O texto aprobado é o seguinte:

 

“1º) O Parlamento de Galicia:

 

a)   Ratifica o seu compromiso firme contra a violencia machista e en defensa dos dereitos das mulleres e contra calquera discurso negacionista e posicionamento político que negue esa violencia ou rexeite as políticas públicas enfocadas á súa total erradicación.

 

b)   Apoia o proceso de renovación e actualización do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero que se está iniciando no Congreso dos Deputados e Deputadas.

 

2º) O Parlamento de Galicia insta o Goberno galego a:

 

a)   Presentar no Parlamento un informe de execución das medidas do pacto de Estado en Galicia dende o seu desenvolvemento, así como o seu impacto e avaliación coa fin de establecer prioridades nas accións futuras.

 

b)   Pór en marcha en 2023 os sete centros de crise para as vítimas de violencia sexual, un en cada área sanitaria, para prestar atención integral as 24 horas do día os 365 días do ano.

 

c)   Solicitarlle ao Observatorio Galego da Violencia de Xénero que ao remate dos traballos do grupo técnico sobre o seguimento do Pacto traslade as súas conclusións ao Parlamento de Galicia".

 

 

3.6    43728 (11/PNP-003717)

Grupo Parlamentario Popular de Galicia

Rueda Valenzuela, Alfonso e 41 máis

Sobre a demanda que debe realizar a Xunta de Galicia ao Goberno de España para que non se leve a cabo ningunha modificación do Código penal que supoña derrogar o delito de sedición

Publicación da iniciativa polo procedemento de urxencia, BOPG n.º 410, do 16.11.2022

 

O texto aprobado é o seguinte:

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno de España para que, a través do presidente e secretario xeral do PSOE, proceda a:

1º- Retirar de maneira inmediata a iniciativa parlamentaria presentada nas Cortes Xerais e non levar a cabo ningunha modificación do Código penal que supoña derrogar o delito de sedición.

 

2º- Cumprir, acatar e respectar a Constitución española, aprobada de

xeito maioritario polo pobo galego e no conxunto de España, na que non ten cabida a sedición nin os referendos ilegais, e, sobre todo, ratificar o artigo 2 da mesma: “a Constitución fundaméntase na indisoluble unidade da Nación española, patria común e indivisible de todos os españois, e recoñece e garante o dereito á autonomía das nacionalidades e rexións que a integran e a solidariedade entre todas elas".​

Saúdos, Gabinete de Comunicación.​



Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina