saltar ao contido

O presidente do Parlamento participa na conmemoración do centenario dos sucesos de Sobredo e rende homenaxe ao movemento agrarista


 

  • Para Santalices, o movemento agrarista “puxo a semente da modernización do agro galego"

 

Santiago, 27 de novembro de 2022.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, participou esta mañá no acto conmemorativo do centenario dos sucesos de Sobredo (Guillarei, Tui) onde, o 28 de novembro de 1922, tres persoas perderon a vida nunha concentración en defensa dun veciño que non pagou o foro.

 

O presidente do Parlamento recordou que a Cámara galega  fixo pública, o pasado mércores, por acordo unánime dos tres grupos que a integran, unha declaración institucional de recoñecemento ao agrarismo galego. Referíndose aos mártires e ás persoas feridas nos sucesos de Sobredo, sinalou que foron “vítimas da represión desatada contra unha poboación inocente que non buscaba máis obxectivo que mellorar as súas condicións de vida".

 

Sobre as penalidades dos labregos sometidos aos foros, o presidente do Parlamento considerou que aquela vida “tiña máis elementos en común coa idade media que coa contemporánea".

 

Semente de modernización

 

“A presión do movemento agrarista, segundo os historiadores, foi o espoletazo definitivo que precipitou a redención dos foros", dixo Santalices. Ao seu xuízo, o movemento agrarista “puxo a semente da modernización do agro galego".

 

O presidente do Parlamento felicitou ao Instituto de Estudos Agrarios “Mártires de Sobredo" por organizar este acto conmemorativo que contribúe a rescatar do esquecemento un “movemento fundamental da nosa historia contemporánea, e por render triburo a persoas inocentes, coma os mártires de Sobredo, que pagaron coa súa vida a defensa dunha causa xusta".

 

Os foros eran un sistema de explotación das terras agrarias mediante contratos que establecían, desde a Idade Media, o pago dunha renda anual. O cobro realizábase polo San Martiño, ben en especie (millo, viño, animais, etc.) ou en diñeiro. Estímase que máis das tres cuartas partes das terras cultivadas de Galicia estaban sometidas a este tipo de contratos.

 

Declaración institucional do Parlamento de Galicia  en recoñecemento ao agrarismo galego:

https://www.parlamentodegalicia.es/sitios/web/BibliotecaDeclaracionsInstitucionais/Declaraci%C3%B3n%20de%20reco%C3%B1ecemento%20ao%20agrarismo%20galego,%2023-11-2022.pdf

Saúdos, Gabinete de Comunicación.


Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina