4.1 42079 (11/PNP-003562)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Pardo López, Adrián e 7 máis
Sobre a demanda que debe realizar a Xunta de Galicia ao Goberno de España para manter viva a memoria das vítimas do terrorismo de ETA
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 394, do 13.10.2022
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno de España para realizar as accións oportunas para manter viva a memoria das vítimas do terrorismo de ETA, en especial entre a mocidade”.
4.3 42637 (11/PNP-003614)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Pérez Fernández, Rosana e 2 máis
Sobre a demanda que debe realizar a Xunta de Galicia ante a Unión Europea e o Goberno do Estado en relación coa posta en marcha de medidas que compensen as consecuencias socioeconómicas derivadas da prohibición da pesca de artes de fondo en oitenta e sete caladoiros do Atlántico nororiental
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 397, do 19.10.2022
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento de Galicia insta o goberno da Xunta de Galicia a:
1. Esixir da Unión Europea e do Goberno do Estado a posta en marcha de medidas que compensen as consecuencias socioeconómicas derivadas da decisión da Comisión Europea de prohibir a pesca de artes de fondo en 87 caladoiros do Atlántico nororiental e que garantan os ingresos económicos da frota afectada.
2. Elaborar e levar a cabo un plan de continxencia que reduza ao mínimo o impacto social e económico da entrada en vigor da prohibición da pesca de artes de fondo en 87 caladoiros nas frotas máis afectadas e nas comarcas onde se localizan.
3. Levar a cabo todas as medidas necesarias dirixidas a evitar o despezamento dos buques e a manter os postos de traballo na frota afectada pola prohibición da CE á pesca de artes de fondo”.
4.6 43422 (11/PNP-003695)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Prado del Río, Paula e 14 máis
Sobre o apoio do Parlamento de Galicia á conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller e as actuacións que debe realizar a Xunta de Galicia ou solicitar do Goberno de España nesta materia
Publicación da iniciativa polo procedemento de urxencia, BOPG n.º 407, do 09.11.2022
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento de Galicia manifesta o seu apoio á conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller e insta a Xunta de Galicia a:
1. Colaborar coas Entidades Locais no ámbito da formación das e dos profesionais nos servizos de base municipais, nos Centros de Información á Muller, así como na ampliación e fortalecemento das Mesas Locais de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero á fin de informar axeitadamente sobre os recursos a disposición de todas as vítimas da violencia de xénero.
2. Seguir fomentando a Rede Galega de Entidades Locais contra a Violencia de Xénero, en colaboración ca Fegamp, así como proporcionar todo o apoio técnico necesario no ámbito da loita contra a violencia de xénero.
3. Fomentar a extensión de novos Centros de Información á Muller, especialmente nos concellos de baixa densidade poboacional, prestando soporte técnico e económico no proceso de creación dos mesmos.
4. Dirixirse ao Goberno de España para:
• Fomentar a coordinación no ámbito da igualdade e contra a violencia de xénero cos distintos Ministerios e departamentos competentes do Goberno de España e coas Comunidades Autónomas para impulsar as actuacións necesarias co obxecto de cumprir co mandato dos Convenios de Istambul e Varsovia, e coas medidas recollidas nos acordos da Conferencia Sectorial de Igualdade celebrada o pasado 22 de xullo de 2022.
• Que dea cumprimento efectivo ao Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, impulsando as modificación lexislativas pendentes e adoptando as medidas recollidas neste Pacto en materia de prevención, detección e atención integral ás vítimas.
• Garantir un sistema de financiación estable, plurianual e con fondos suficientes para afianzar todos os recursos humanos e técnicos necesarios na prestación dos servizos contra a violencia de xénero, cumprindo cos estándares de calidade, accesibilidade, adaptabilidade e non discriminación; dentro do marco de cooperación Estado-Comunidades Autónomas e baixo o acordo do futuro Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero”.
Saúdos, Gabinete de Comunicación.