saltar ao contido

Santalices: "O Parlamento está a despregar un extenso abano de actividades para canalizar os seu compromiso social”

 
• O presidente do Parlamento de Galicia interveu nunha charla organizada polo Club de Leones Ourense Calpurnia, colectivo que axuda a persoas desfavorecidas a través de diferentes proxectos
 
• Traslada os seus parabéns á presidenta e aos colaboradores do Club, polo seu firme e constante compromiso social

Ourense, 30 de setembro de 2022.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, participou esta tarde nunha charla organizada polo Club de Leones Ourense Calpurnia, onde explicou o compromiso e acción social da primeira institución de Galicia.
 
Santalices Vieira recordou que a institución da que é titular “ten implícita unha obriga de exemplaridade, que vai dende o comportamento dos seus integrantes ata a transparencia e apertura á sociedade, pasando pola solidariedade coas persoas en situación de dificultade”.
 
Este compromiso social do Parlamento, insistiu o presidente da Cámara, “estase a despregar mediante un extenso abano de actividades, tales como a constitución dunha Comisión especial para o seguimento das políticas relativas á discapacidade ou a aposta pola integración laboral de persoas discapacitadas”.
 
Recordou a colaboración do Parlamento de Galicia con diferentes entidades, como COGAMI, FADEMGA, ASPACE ou ONCE, alén do impulso dunha liña de axudas a comedores sociais e bancos de alimentos, entre outras iniciativas.
 
Compromiso coa cultura galega
 
O titular da Cámara lexislativa lembrou o compromiso do Parlamento coa cultura galega, como evidencia a creación dunha programación cultural propia “complementada cunha liña editorial e a coedición de textos de valor para a cultura galega que a industria editorial non podería asumir en solitario pola súa escasa rendibilidade”.
 
Lembrou tamén Santalices que o todos os libros editados polo Parlamento poden consultarse e descargase gratis desde a páxina web, “unha mostra máis do compromiso social da Cámara, coa xente e coa cultura de Galicia”.
 
40 anos de autonomía
 
O poder da palabra. 40 anos do Parlamento de Galicia.1981-2021 é o título da exposición que repasa os feitos máis salientables das catro décadas de vida do Lexislativo galego, desde a súa constitución, o 19 de decembro de 1981 no Pazo de Xelmírez, ata a actualidade. Santalices Vieira lembrou que estes días, ata o 8 de outubro,  se pode visitar na sede de Afundación en Lugo, antes do seu traslado a Ferrol.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación.
 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina