A Comisión 6ª, Industria, Enerxía, Comercio e Turismo, na súa sesión do 7 de setembro de 2022, adoptou os seguintes acordos:
Procedementos de control e impulso
Proposicións non de lei en Comisión
Aprobación sen modificacións
- 36361 (11/PNC-003362)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Nóvoa Iglesias, Marta e 13 máis
Sobre as actuacións que debe realizar a Xunta de Galicia para declarar de interese público as centrais hidroeléctricas reversibles como activos de almacenamento enerxético, a tipoloxía e tramitación de proxectos e o respecto por eles do Plan hidrolóxico
BOPG n.º 338, do 29.06.2022
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións por 9 votos a favor, 3 votos en contra e 0 abstencións.
O texto aprobado é o seguinte:
"O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a:
1. Declara de interese público superior as centrais hidroeléctricas resversibles, como activos de almacenamento enerxético necesarios para acadar a seguridade de subministración enerxética, de xeito que poidan acollerse aos procedementos máis favorables dispoñibles, tanto na súa fase de planificación como de autorización, en concordancia co disposto no Plan REPowerEU.
2. Elaborar unha instrución polo órgano competente na que se recollan as tipoloxías de proxectos de almacenamento enerxético e se regulen os aspectos relativos á tramitación destes proxectos, asegurando a tramitación máis áxil posible de acordo coa normativa vixente.
3. Garantir que a construción das infraestruturas de almacenamento necesarias para a implantación destes proxectos respecta o Plan Hidrolóxico vixente non supoñendo novos obstáculos transversais no leito dunha masa de auga superficial, e respectando en todo momento o mantemento da continuidade lonxitudinal fluvial nos restantes cursos de auga mediante dispositivos que permitan o cumprimento dun réxime de caudais mínimos."
Aprobación por unanimidade sen modificacións
- 37048 (11/PNC-003431)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Gallego Sanromán, María Leticia e 2 máis
Sobre as actuacións que debe realizar a Xunta de Galicia para o aumento do investimento público en investigación, a toma de medidas para a consolidación dunha carreira pública estable e previsible para o persoal técnico e investigador, así como a garantía do cambio xeracional e a atracción e retención de talento en igualdade
BOPG n.º 350, do 26.07.2022
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
O texto aprobado é o seguinte:
"O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a:
1. Aumentar máis o investimento público necesario en investigación, concretamente en centros de investigación, universidades, centros tecnolóxicos, clústers e outros axentes do sistema.
2. Tomar medidas para consolidar unha carreira pública estable e previsible para o persoal técnico e investigador equivalente á dos países máis avanzados.
3. Garantir o cambio xeracional e a atracción e retención de talento, así como garantir o principio de igualdade efectiva entre mulleres e homes."