A Comisión 8ª, Pesca e Marisqueo, na súa sesión do 6 de setembro de 2022, adoptou os seguintes acordos:
Procedementos de control e impulso
Proposicións non de lei en Comisión
Aprobación sen modificacións
- 35603 (11/PNC-003274)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Egerique Mosquera, Teresa e 5 máis
Sobre o apoio do Parlamento de Galicia ao ditame do Consello Galego de Pesca sobre a revisión da Política Común de Pesca e as actuacións que debe levar a cabo a Xunta de Galicia para trasladar as súas propostas aos parlamentarios galegos do Senado, Congreso dos Deputados e Eurocámara, así como a outras rexións pesqueiras e entidades representativas do sector pesqueiro europeo
BOPG n.º 332, do 15.06.2022
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións por 9 votos a favor, 0 votos en contra e 3 abstencións.
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento de Galicia amosa o seu apoio ao ditame elaborado polo Consello Galego de Pesca a respecto da revisión da Política Común de Pesca e insta á Xunta de Galicia a:
1. Remitir o ditame do Consello Galego de Pesca sobre a revisión da Política Pesqueira Común aos parlamentarios galegos do Senado, Congreso dos Deputados e da Eurocámara a fin de que adopten as actuacións e xestións oportunas na defensa dos intereses do sector marítimo-pesqueiro galego.
2. Avanzar nos encontros iniciados en febreiro na Bretaña francesa para obter apoios doutras rexións pesqueiras -como Países Baixos, Dinamarca ou Irlandae a manter contactos coas entidades representativas do sector pesqueiro europeo e coas redes de rexións atlánticas como a Conferencia de Rexións Periféricas e Marítimas (CRPM) ou a Comisión Arco Atlántico”.
Aprobación por unanimidade sen modificacións
- 27681 (11/PNC-002535)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Egerique Mosquera, Teresa e 6 máis
Sobre a demanda da Xunta de Galicia ao Goberno de España para que defenda o sector do arrastre de fondo dos ataques que está a sufrir por parte da Comisión Europea
BOPG n.º 259, do 19.01.2022
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a demandar do Goberno de España:
1. Que rexeite publicamente os ataques que o sector do arrastre de fondo está a sufrir por parte da Comisión Europea.
2. Que defenda a importancia deste sector no conxunto do sector pesqueiro e da economía marítima europea.
3. Que solicite ao comisario de Medio Ambiente que teña en conta as opinións do sector e os datos cuantitativos da súa representación sobre o total da flota pesqueira europea”.