saltar ao contido

Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 29 de xuño de 2022

4.4 35280 (11/PNP-003122)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Díaz Mouteira, María Sol e 5 máis
Sobre as demandas que debe realizar a Xunta de Galicia ante o Goberno central para a rectificación do disposto na lei de residuos estatal e a ampliación do prazo, fixado pola directiva europea en decembro de 2023, que teñen os concellos de máis de cinco mil habitantes para implantar a recollida de biorresiduos
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 328, do 08.06.2022
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a esixir ao Goberno de España que rectifique o disposto na Lei de residuos estatal, ampliando o prazo que teñen os concellos de máis de 5.000 habitantes para implantar a recollida de biorresiduos, seguindo o establecido na directiva europea, que fixa o límite en decembro de 2023”.
 
4.6 35965 (11/PNP-003203)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Pomar Tojo, Carmen María e 14 máis
Sobre a demanda por parte da Xunta de Galicia ao Goberno de España de medidas para solucionar o problema xerado polo colapso e o peche da circulación do viaduto do Castro, na autovía do Noroeste, e garantir a seguridade e a funcionalidade desa infraestructura viaria
Publicación da iniciativa polo procedemento de urxencia, BOPG n.º 332, do 15.06.2022
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno de España  para que:
 
1º- Actúe con toda a celeridade posible para dar solución ao problema xerado tras o colapso e peche á circulación do viaduto do Castro, na Autovía do Noroeste, unha das principais vías de entrada e saída de Galicia á Meseta.
 
2º- Concrete as previsións sobre os traballos de reparación do viaduto afectado, así como das iniciativas dirixidas a revisar, inspeccionar e garantir a seguridade e funcionalidade dos viadutos da Autovía do Noroeste e da integridade desta infraestrutura viaria.
 
3º- Busque todas as solucións posibles para minimizar o impacto do peche da autovía para Galicia, en particular, para o transporte pesado que de xeito habitual empregaba esa vía e agora vese obrigado a utilizar o desvío alternativo habilitado.
 
4º- Ofreza información de xeito continuo e coa máxima transparencia para manter ao tanto das novidades aos cidadáns, concellos afectados e á administración autonómica, en aras de evitar posibles especulacións e desconfianzas”. 
 

Saúdos, Gabinete de Comunicación.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina